A Xunta adxudica a redacción dos proxectos para a construción de 4 novas vivendas de promoción pública en Valdecorvos, Pontevedra

As vivendas obteranse pola transformación dos 2 locais existentes en sendos baixos da parcela 13 de Valdecorvos

Estas 4 vivendas serán construídas pola Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal)

Santiago de Compostela 17 de abril de 2025

A Xunta de Galicia adxudicou o contrato para a redacción do proxecto e dirección de obra para a construción de 4 vivendas de promoción pública nos bloques 1 e 3 da parcela 13 de Valdecorvos (Pontevedra).

O consello de administración da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) adxudicou o contrato a Germán Gómez Espejo, por importe de 41.745 euros. O prazo para a presentación do proxecto básico é de dous meses dende a sinatura do contrato e para o de execución o prazo serán tres meses máis.

As vivendas serán resultado da transformación dos baixos existentes nos bloques 1 e 3 da parcela 13 de Valdecorvos.

182 vivendas en execución

Actualmente a Xunta de Galicia ten un total de 182 vivendas de promoción pública en execución en Valdecorvos. Deste total, 74 están xa en fase de construción avanzada, e as  108 restantes teñen adxudicada a redacción dos correspondentes proxectos de construción.

A Xunta de Galicia prevé construír outras 118 vivendas de promoción pública en tres parcelas que prevé sexan cedidas polo concello en Valdecorvos e nas unidades de actuación 7 e 15. A redacción dos proxectos será licitada unha vez se formalice a cesión do solo.