A Xunta adxudica a redacción dos proxectos e dirección de obra de construción de 24 vivendas públicas na rúa Angelo Collocci en Lugo
O edificio habilitarase nunha das parcelas cedidas polo Concello e estímase que a súa construción suporá un investimento de ao redor de 4,4M€
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2025
A Xunta de Galicia adxudicará a redacción dos proxectos básico e de execución e dirección de obra para a construción de 24 vivendas de promoción pública na rúa Angelo Collocci, en Lugo.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, participou esta mañá de xeito telemático nunha nova reunión do Consello de Administración da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), no que se aprobou a proposta de adxudicación á consultora de Ingeniería e Empresa S.L., por un importe de 160.705 euros.
O edificio habilitarase nunha das parcelas cedidas polo Concello e estímase que a súa construción suporá un investimento de ao redor de 4,4 M€.
Con estas adxudicacións a Xunta segue avanzando no compromiso de duplicar o parque de vivenda pública, estando actualmente en distintas fases de execución preto de 3.000 vivendas de promoción pública en diversas localidades galegas.