A Xunta adxudica a redacción dos proxectos e dirección de obra de construción de 199 vivendas de promoción pública en Lugo e Pontevedra

En Lugo serán 145 vivendas en solo propio da Xunta de Galicia

En Pontevedra construiranse 54 vivendas nunha parcela cedida polo concello

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2025

A Xunta de Galicia adxudicará a redacción dos proxectos e dirección de obra para a construción de 199 vivendas de promoción pública nos concellos de Lugo e Pontevedra, por un importe total de 1,1M€. O consello de administración da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia aprobou hoxe as adxudicacións.

En Lugo construiranse 145 vivendas de promoción pública na parcela B2 de Garabolos. A redacción do proxecto e dirección da obra será encomendada a UTE Müller Feijoo B2-Garabolos por un importe de 824.965,90 euros.

No caso de Pontevedra, adxudicarase a Alberto Quintáns Arrondo a redacción do proxecto e dirección de obra de construción de 54 vivendas de promoción pública na parcela 19 de Valdecorvos. O importe de adxudicación será de 346.798,29 euros.

Os adxudicatarios disporán dun prazo de dous meses para a redacción do proxecto básico e tres máis para o de execución.

Con estas adxudicacións a Xunta avanza no compromiso de duplicar o parque de vivenda pública, estando actualmente en distintas fases de execución máis de 2.800 vivendas de promoción pública en diversas localidades galegas.