A Xunta adxudica a redacción do proxecto de 12 vivendas de promoción pública en San Cibrao das Viñas e os traballos técnicos para outras 56 en Valdecorvos, en Pontevedra

O consello de administración da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia autorizou a adxudicación do contrato para a redacción do proxecto e dirección de obra para a construción de 12 vivendas en San Cibrao das Viñas

Tamén autorizou a contratación de traballos técnicos para un grupo de 56 vivendas de promoción pública en Valdecorvos, Pontevedra

Santiago de Compostela 18 de decembro de 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, participou esta mañá na reunión do consello de administración da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), que autorizou a adxudicación dos contratos para a redacción dos proxectos de vivendas de promoción pública en San Cibrao das Viñas e o servizo de dirección de obra para un grupo de vivendas de Valdecorvos, en Pontevedra.

En San Cibrao das Viñas o contrato para a redacción do proxecto e dirección de obra para a construción de 12 vivendas de promoción pública, nunha parcela cedida polo concello, adxudicarase a UYE AM2 Javier López Franco, por un importe de 76.388,33 euros con IVE incluído.

Pola súa parte, o consello de Vipugal autorizou a adxudicación dos servizos de dirección de obra, dirección de execución e coordinación de seguridade e saúde das obras para a construción dun edificio de 56 vivendas de promoción pública na parcela 14 do polígono de Valdecorvos, en Pontevedra.

A dirección de obra adxudicarase a Iglesias y Veiga Arquitectos S.L.P. por importe de 145.092,31 euros, IVE incluído.

Sólido Estudio de Arquitectura S.C. será o adxudicatario da dirección de execución, por importe de 126.459,41 euros IVE incluído.

E, finalmente, a coordinación de seguridade e saúde adxudícase a Incope Consultores S.L. por importe de 34.083,30 euros.