A Xunta adxudica provisionalmente as 20 vivendas de promoción pública que construé en San Eleuterio, en Mos

O sorteo celebrouse ante notario no Edificio Administrativo da Xunta en Vigo e as vivendas adxudicáronse en réxime de alugueiro

Trátase de pisos de 4, 3 e 2 dormitorios, con garaxe e rocho, e o 50% das vivendas serán para menores de 36 anos para favorecer o acceso da mocidade ao primeiro fogar

Unha vez realizado hoxe o sorteo, abrirase un prazo de 10 días para comprobar os datos e realizar reclamacións, se proceden, e logo xa se publicará a listaxe definitiva

Este edificio que está a construír o Goberno galego conta cun orzamento que supera os 4,4M€ e as obras xa están moi avanzadas

Vigo, 9 de xaneiro de 2025

A Xunta adxudicou hoxe provisionalmente as 20 vivendas de promoción pública que constrúe en San Eleuterio, en Mos. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, asistiu primeiro ao sorteo e visitou posteriormente o edificio, cuxa execución xa está moi avanzada.

O sorteo celebrouse ante notario no Edificio Administrativo da Xunta en Vigo e as vivendas adxudícanse en réxime de alugueiro, por un período de 7 anos prorrogables.

As 20 vivendas sorteáronse distribuídas en 4 lotes. No primeiro, a vivenda adaptada de 3 dormitorios; no segundo, 2 vivendas de 4 dormitorios; e no terceiro, as 13 vivendas de 3 dormitorios. No último lote sorteáronse as 4 vivendas de 2 dormitorios. Ademais, designáronse 88 reservas: 8 para o Lote 1, 16 no Lote 2, 52 no Lote 3 e 12 no Lote 4.

Trátase de pisos de 4, 3 e 2 dormitorios, con garaxe e rocho e como novidade e o 50% das vivendas serán para menores de 36 anos, co fin de contribuír a que a mocidade poida acceder ao seu primeiro fogar.

Unha vez realizado hoxe o sorteo, publicarase a lista provisional de adxudicatarios e  abrirase un prazo de 10 días para comprobar os datos e realizar reclamacións, se proceden, e logo xa se publicará a listaxe definitiva.

Cómpre lembrar que os requisitos dos demandantes de vivenda pública para acceder a estes fogares son ter ingresos ponderados por unidade familiar/convivencial de entre 0,7 e 3 veces o IPREM e residir ou traballar en Mos.

Este edificio que está a construír o Goberno galego conta cun orzamento que supera os  4,4M€. Na construción empréganse técnicas industrializadas e haberá zonas verdes, integradas na contorna.

Neste sentido, a conselleira Allegue agradeceu a colaboración do Concello de Mos, que cedeu gratuitamente a parcela na que se está a desenvolver este edificio.