A Xunta adxudica por preto de 355.000 € as obras que completan a humanización e mellora da accesibilidade do núcleo de moreiras, no concello de Toén

Trátase de crear un conxunto de espazos de lecer en Moreiras, incluíndo un auditorio ao aire libre, a creación dunha zona de pérgolas, un área de xogos infantís e outra onde se instalarán aparatos biosaudables e unha pista multideportiva

Ademais, dotarase a zona de alumeado e rede de pluviais e completarase con mobiliario urbano

Esta intervención enmárcase no Plan Hurbe, co que a Xunta busca axudar aos concellos en humanizacións de espazos públicos ou dotacións para mellorar a calidade de vida da veciñanza e seguir fixando poboación

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas adxudicou por un orzamento de 354.738 euros as obras que completarán a humanización e mellora da accesibilidade do núcleo de Moreiras, no concello de Toén.

A través desta intervención, adxudicada á empresa Construcciones y Almacenes M. Viso e Hijos, S.L., trátase de crear un conxunto de espazos de lecer en Moreiras, incluíndo un auditorio ao aire libre, con escenario e bancos; a creación dunha zona de pérgolas con mobiliario para invitar ao descanso; un área de xogos infantís e outra onde se instalarán aparatos biosaudables (calistenia) e unha pista multideportiva.

Ademais, dotarase a zona de alumeado e rede de pluviais e completarase con mobiliario urbano.

Os traballos completarán outras intervencións anteriormente financiadas co apoio da Xunta e que permitiron urbanizar unha praza e mellorar a accesibilidade do núcleo de Moreiras.

Esta nova obra enmárcanse nun convenio de colaboración da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o Concello de Toén ao abeiro do Plan Hurbe,. Baixo este acordo, a Xunta asumirá o 70 % do orzamento desta intervención, e o Concello achegará o 30 % restante.

O Plan Hurbe ten como obxectivo colaborar cos municipios galegos en intervencións que permitan humanizar espazos públicos ou dotarse de equipamentos, a fin de mellorar a calidade de vida da veciñanza e seguir fixando poboación.