A Xunta adxudica por preto de 196.000€ a obra de humanización dun espazo para a veciñanza e a execución dun edificio para uso recreativo en Chandrexa de Queixa
A actuación prevista en Celeiros, enmarcada no Plan Hurbe do Goberno galego, permitirá habilitar un novo espazo para a veciñanza onde celebrar feiras, actividades de lecer e deporte, reunións e esparexemento para os usuarios da residencia de maiores
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación vén de adxudicar por un importe de 195.900 euros as obras de humanización para uso peonil dunha parcela en Celeiros, en Chandrexa de Queixa, na que se habilitará tamén unha edificación para uso recreativo. A actuación enmárcase no Plan Hurbe do Goberno galego.
A intervención, adxudicada á empresa Explotacións Medioambientais, S.L.U., terá un prazo de execución de 5 meses, e centrarase na humanización para o seu uso como área peonil da parcela situada na estrada Trives-Chandrexa núm. 8, en Celeiros. Así mesmo, o proxecto contempla a construción dunha edificación de uso recreativo neste espazo do concello ourensán.
A humanización en Celeiros permitirá habilitar un novo espazo para a veciñanza onde celebrar feiras, actividades de lecer e deporte, reunións e esparexemento para os usuarios da residencia de maiores. Nesta área, o espazo central, aberto, servirá para actividades protocolarias e de zona de paso entre os distintos espazos. Outro dos espazos dotarase de céspede, para actividades de deporte e lecer, integrando a praza coa contorna. E noutra zona habilitarase un espazo de estancia.
Os traballos completaranse coa plantación de novas árbores, cadeiras e un banco para crear unha zona de faladoiro, unha mesa para actividades variadas como xogos, actividades manuais, así como a dotación dun aparcabicis.
En canto á edificación de uso recreativo, construirase a dúas augas con madeira, integrándose volumetricamente ás edificacións existentes. Permitirá actividades ao resgardo das inclemencias meteorolóxicas.
As intervencións tamén inclúen a instalación dun sistema de iluminación LED para ampliar o seu uso nocturno, acometendo tamén as instalacións de pluviais e saneamento necesarias para a urbanización. Unha varanda dará continuidade entre os distintos espazos enmarcando as vistas cara ao encoro.
De acordo ao convenio asinado entre Xunta e Concello ao abeiro do Plan Hurbe, o Goberno galego cofinanciará nun 70% das intervencións, contratará e executará as obras. Pola súa banda, o Concello de Chandrexa de Queixa achegará o 30% restante do custe; realizará as xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, e comprométese á recepción, mantemento e conservación das actuacións que incorporará ao patrimonio público municipal.
A través do Plan Hurbe, o departamento que dirixe María M. Allegue segue a impulsar a colaboración coas entidades locais para a execución de obras e outras actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.