A Xunta adxudica por máis de 133.000 € a humanización dunha praza en Fonteboa, en San Cibrao das Viñas
A actuación consistirá na humanización da praza xerada na confluencia das rúas Fonteboa e Camiño da auga, coa remodelación total do ámbito
Pavimentarase o ámbito de actuación e tamén se dotará a zona de arborado, mobiliario urbano e novas luminarias
A intervención enmárcase no Plan Hurbe, co que o Goberno galego colabora cos concellos en melloras de espazos públicos ou dotación de equipamentos
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2025
A Xunta vén de adxudicar por máis de 133.000 € as obras de humanización dunha praza en Fonteboa, no Concello de San Cibrao das Viñas.
Esta actuación, adxudicada á empresa Construcciones y Almacenes M. Viso e Hijos S.L, conta cun prazo de execución de 3 meses.
A intervención consistirá nas obras de humanización da praza xerada na confluencia das rúas Fonteboa e Camiño da auga, coa remodelación total do ámbito, incluíndo a dotación de novo arborado, mobiliario urbano e luminarias.
Pavimentarase a praza nalgunhas zonas con lastras de granito e noutras con formigón e entre as intervencións previstas, abordarase a demolición do muro e lavadoiro existente para a súa posterior reconstrución, así como actuacións de drenaxe completa no recinto.
A reforma completarase coa colocación de dúas novas luminarias e dun cartel luminoso coa lenda “Fonteboa”, así como a habilitación de 4 alcorques con colocación de árbores, a instalación de seis bancos, papeleiras e xardineiras.
As obras enmárcanse no convenio asinado entre a Xunta, que financiará o 70 % do orzamento total e executará as obras, e o Concello de San Cibrao das Viñas, que aportará o restante 30 %.
O proxecto execútase ao abeiro do Plan Hurbe, que ten como obxectivo colaborar cos municipios en intervencións que permitan humanizar espazos públicos ou dotarse de equipamentos, a fin de mellorar a calidade de vida da veciñanza e seguir fixando poboación.