A Xunta adxudica por 240.000 euros as obras de mellora da accesibilidade da rúa Rocha de Vélez, en Mondoñedo, enmarcadas no Plan Hurbe
A intervención busca mellorar a accesibilidade á zona dos Castros desde a rúa Rocha de Vélez, facilitando o acceso a vehículos e peóns nunha soa dirección de maneira segura
A rúa Rocha de Vélez forma parte tamén do ámbito da Área Rexurbe de Mondoñedo, a primeira declarada en Galicia no ano 2020
O departamento que dirixe María M. Allegue segue a cooperar con concellos na mellora das contornas urbanas, da accesibilidade e dos equipamentos públicos no obxectivo da revitalización do territorio e o reequilibrio territorial
Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas adxudicou por un importe de 240.068,92 euros as obras de mellora da accesibilidade da rúa Rocha de Vélez, en Mondoñedo.
A actuación, cuxo contrato se vén de formalizar coa empresa Novavial S.L., enmárcase no Plan Hurbe, o programa impulsado polo Goberno galego para colaborar cos concellos no financiamento de diferentes actuacións urbanísticas, de xeito especial humanizacións e mellora de espazos e equipamentos públicos.
En concreto, a intervención que se vai executar sitúase na delimitación do Plan especial de protección e reforma interior da vila de Mondoñedo, na zona dos Castros, e ten como obxectivo mellorar a accesibilidade á esta contorna desde a rúa Rocha de Vélez, a fin de permitir o acceso a vehículos e peóns nunha soa dirección de maneira segura, e revisando as aliñacións de muros parcialmente derrubados preto da antiga N-634. Ademais, a intervención inclúe o soterrado das instalacións de alumeado público, baixa tensión e telecomunicacións.
A rúa Rocha de Vélez forma parte tamén do ámbito da Área Rexurbe de Mondoñedo, a primeira declarada en Galicia no ano 2020, e que comprende o conxunto histórico de Mondoñedo e unha zona contigua de características similares (rúa Álvaro Cunqueiro e San Roque e parte alta da estrada dos Remedios).
De acordo ao convenio do Plan Hurbe asinado para esta intervención, a Xunta financiará nun 70 % do orzamento, mentres que o Concello de Mondoñedo achegará o 30 % restante e comprométese á recepción, mantemento e conservación das actuacións que incorporará ao patrimonio público municipal.
A través de liñas de colaboración cos concellos como o Plan Hurbe, o departamento que dirixe María Martínez Allegue contribúe a promover o desenvolvemento das vilas e núcleos rurais da comunidade autónoma como motores de dinamización ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.