A Xunta adxudica as obras de construción de 64 vivendas de promoción pública na Praza de Cambedo de Raia, en Ourense
A empresa Construcciones Ramírez levará a cabo a obra cun orzamento de 12M€
A promoción está formada por catro bloques illados de baixo e tres alturas, cada un deles con 16 vivendas
Ao importe da obra hai que sumar máis de 1,2 millóns de euros do custe das parcelas e traballos técnicos, polo que o investimento total supera os 13,2 millóns de euros
Santiago de Compostela 13 de febreiro de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de adxudicar por 12M€ á empresa Construcciones Ramírez as obras de construción de 64 vivendas de promoción pública na praza de Cambedo de Raia, en Ourense. O contrato ten un prazo de execución de 16 meses. Ao importe da obra hai que sumar máis de 1,2 millóns de euros do custe das parcelas e traballos técnicos, polo que o investimento total supera os 13,2 millóns de euros.
A promoción estará formada por 4 bloques illados, de planta baixa e 3 alturas, con aproveitamento baixo cuberta para rochos e instalacións. Contará ademais das 64 vivendas con 81 prazas de garaxe (3 delas accesibles) e 64 rochos.
Cada un dos bloques contará cun total de 16 vivendas, distribuídas en 4 por planta e terán 2, 3 e 4 dormitorios, cunha superficie útil media que oscila entre os 71m2 e os 99m2. Os bloques 1, 3 e 4 serán iguais entre si, mentres que o bloque 2 varía na planta baixa, para dar cabida a un local comunitario.
Os inmobles habilitaranse sobre unha parcela de algo máis de 3.000 m2 resultado da agrupación das parcelas 5, 6 e 7 da unidade de execución denominada polígono 1 do Sector Urbano SU-48 do PXOM. Estas parcelas foron previamente mercadas pola Xunta, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, á Sareb, por un importe de máis de 1 M€.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé que as obras, que financia nun 75,19 % con fondos propios, correspondendo un 24,81 % a fondos da Unión Europea (Plan de recuperación, transformación e resiliencia), estean rematadas no 2026.
A actuación cumpre o Real decreto 853/2021, de 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. En concreto teñen en conta as prescricións sobre eficiencia enerxética, consumo de enerxía non renovable, circularidade e xestión de residuos, que se reflicten no dito decreto.