A Xunta adxudica dúas vivendas de promoción pública en réxime de alugamento en Cospeito e Vilalba
O delegado territorial, Javier Arias, explica que a vivenda da capital chairega é froito da rehabilitación integral dun inmoble na rúa Ferrería, situada no casco histórico
Cospeito (Lugo), 16 de febreiro de 2026
A Xunta vén de adxudicar dúas vivendas de promoción pública en réxime de alugamento na comarca da Terra Chá, unha delas na avenida Río Miño de Cospeito e a outra na rúa Ferrería de Vilalba.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, acudiu hoxe a Cospeito para participar no acto de entrega das chaves á nova adxudicataria. O piso conta cunha superficie duns 80 metros cadrados e dispón de tres dormitorios, garaxe e rocho.
Segundo explicou, a Xunta tamén adxudicou unha vivenda no casco histórico de Vilalba, froito da rehabilitación integral dun edificio na rúa Ferrería ao abeiro do programa Rexurbe. As obras supuxeron un investimento de 241.600 euros.
Arias lembrou que, paralelamente a esta actuación, levouse a cabo a restauración doutro inmoble no casco vello da capital chairega, situado na rúa Concepción Arenal, que xa foi entregado aos seus primeiros ocupantes o pasado mes de novembro.
Para optar ás vivendas de promoción pública autonómica é necesario inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia. O prazo para presentar solicitudes está aberto durante todo o ano, tanto en liña como de forma presencial nas oficinas do IGVS.