A Xunta adquire dous inmobles e adxudica as obras noutros dous no casco histórico de Ferrol para rehabilitar e destinar a alugueiro social

Os dous inmobles que se adquiren se sitúan de forma contigua na rúa San Francisco

Nos outros dous inmobles, situados nas rúas Castro e Benito Vicetto, as obras permitirán habilitar catro vivendas destinadas a alugueiro social

A conselleira pon en valor o Programa Rexurbe, co que a Xunta está a adquirir inmobles en conxuntos históricos para recuperalos e destinalos a vivenda pública, “e contribuír a revitalizar estes espazos”

A Xunta ten adquirido xa ao abeiro do Programa Rexurbe un total de 24 inmobles en Ferrol, que darán lugar á 46 vivendas, cun investimento de 1,5 M€

Ferrol, 8 de novembro de 2024

A Xunta vén de adquirir dous novos inmobles no Ferrol Vello, que rehabilitará para destinar a alugueiro social, e acaba de adxudicar así mesmo as obras que permitirán recuperar outros dos edificios neste centro histórico co mesmo fin. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe ambas edificacións xunto á delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e puxo en valor que ambas actuacións acometeranse ao abeiro do Programa Rexurbe.

Os dous edificios que se adquiren están situados de xeito contiguo na rúa San Francisco e datan de 1880, mentres que os outros dous nos que se adxudican as obras de rehabilitación están nas rúas Castro e Benito Vicetto. Neste último caso, as obras permitirán habilitar catro vivendas e teñen un prazo de execución de quince meses.

Con estes son 24 os inmobles adquiridos no casco histórico de Ferrol ao abeiro do Programa Rexurbe, cuxa rehabilitación permitirá crear 46 vivendas. A través deste plan, a Xunta adquire inmobles en conxuntos históricos para recuperalos, se é posible, ou construír outros novos nos solares baleiros e destinalos a vivenda pública, que logo se adxudican en réxime de alugueiro social a través do Rexistro de Demandantes.

“Ademais de facilitar o acceso á vivenda -destacou M. Allegue-, con estas actuacións axudamos a volver a dar vida e habilitabilidade aos cascos históricos, como é este fermoso Ferrol Vello”.

A conselleira incidiu, no marco do reto da Xunta para duplicar o parque público residencial de Galicia nesta lexislatura, na aposta da Administración autonómica para dotación de vivenda pública en Ferrol. Neste senso, sinalou que na actualidade están en reforma, tamén ao abeiro do Rexurbe, inmobles que darán lugar a 5 vivendas e antes de que remate o ano licitaranse as obras doutras 6 actuacións que permitirán habilitar 15 vivendas.

O Bertón

Ademais, estase a desenvolver vivenda de promoción pública no Bertón, onde se licitarán tamén este ano as obras de dous bloques para 57 vivendas e xa están en marcha, dentro da fase de tramitación de proxectos, máis de 300 vivendas de promoción pública. “Todas estas actuacións serán realidade nesta lexislatura e contamos así con esa revitalización deste fermoso concello en materia de vivenda e infraestruturas”, apuntou a conselleira.

Lembrou que este compromiso queda reflectido nos orzamentos da Xunta para este concello, que no caso da Consellería se incrementan nun 298 %, cun total de 25 M€ consignados, do que máis de 7 M€ son para construción e rehabilitación de vivenda pública.