A Xunta adquire 22 vivendas de Sareb por máis de 2 M€, tras a negativa do Goberno a cedelas gratuitamente ao tempo que subvenciona a compra
As vivendas serán cualificadas como de promoción pública e pasarán a integrar o parque público propiedade do IGVS
Só 8 das vivendas que vende a Sareb están en grandes cidades: 3 en Vigo, 3 en Lugo e 2 na Coruña e o resto localízanse en Cee, O Barco de Valdeorras e Sarria
A Xunta considera unha incoherencia que o Goberno transfira fondos á comunidade autónoma que só se poden destinar á compra de vivendas de Sareb, que deberían ser cedidas directamente pola empresa á comunidade e así poder destinar esa partida á construción ou rehabilitación de vivenda
Allegue reitera a solicitude de cesión para que a Xunta poida destinar os fondos do citado Plan de Vivenda “ás actuacións propias do mesmo, con son as axudas para alugueiro ou rehabilitación”
Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2024
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, anunciou hoxe a adquisición por parte da Xunta de 22 vivendas á Sareb por un importe de 2.049.421€. Unha compra que, tras a negativa do Goberno central a ceder estas vivendas gratuitamente, será financiada con cargo aos fondos do Plan Estatal de Vivenda 2022-2025, o que supón detraer esta partida doutros programas.
Das 22 vivendas, só 8 se localizan nas grandes cidades, 3 en Vigo, 3 en Lugo e 2 na Coruña. O resto están situadas en Sarria (2), O Barco de Valdeorras (1) e Cee (11). Como explicou a conselleira, serán cualificadas como de promoción pública e pasarán a integrar o parque público propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
Allegue lamentou o “absurdo” que supón o feito de que mentres a Xunta segue demandando a cesión gratuíta de vivendas, haxa un plan estatal cuxo obxecto é financiar a adquisición destas vivendas. E lembrou que a pesar das reiteradas peticións da Xunta ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana e á propia Sareb para a cesión, tanto de vivendas como de solo, “a resposta foi que descartan a cesión gratuíta e só se contemplan a venta dos activos”.
“Así, vémonos abocados a comprar esta vintena de vivendas, que será unha compra financiada exclusivamente con fondos estatais”. Un plan estatal que cualificou de “demagóxico” e que “non dá solución algunha ao problema estrutural da vivenda”.
A conselleira incidiu en que “o razoable sería que a Sociedade cedera directamente á Xunta e o Goberno compensase da forma que considerase oportuna, deixando que as comunidades autónomas destinaran os fondos do Plan de Vivenda ás actuacións propias do mesmo, como son a construción ou rehabilitación de vivenda ou axudas”.
“Non se pode -afirmou- cargar nas costas das comunidades a compra deste inmobles, unha vez a SAREB quere desprenderse deles, e empregando fondos do plan de vivienda, detraendo doutros programas”. E criticou a “incoherencia” dun Goberno central que “non escoita ás comunidades, o que complica o traballo que debe ser común, de todas as administracións, de garantir o dereito de todos os cidadáns a unha vivenda digna e accesible”.
No marco desta “absoluta falta de interese en transferir vivendas á Xunta”, M, Allegue lamentou que Galicia ten que conformarse “cunha escasa oferta de posible de compra de vivendas que non está en condicións de uso, algunhas que carecen de licencia, outras con ocupacións ilegais, ou que contan con expedientes de infracción urbanística ou que están emprazadas en concellos onde non existe demanda”.
Anteriores adquisicións
Por outra banda, lembrou que Galicia foi unha das primeiras comunidades en conseguir a cesión de vivendas da Sareb no ano 2015. Desde ese ano, a Xunta xestionou máis de 40 vivendas cedidas en usufruto con contratos de alugueiros accesibles. Estes acordos fóronse prorrogando ata que, unha vez a sociedade pasou a ser maioritariamente pública, a Administración autonómica veuse “na obriga moral da adquisición en compra de ditas vivendas para garantir a permanencia dos inquilinos“. Deste xeito, no 2023 adquiríronse estas máis de 40 vivendas.
A conselleira recordou que a solicitude de cesión das vivendas da Sareb foi reclamada pola Xunta tanto verbalmente nas comisións sectoriais celebradas co Ministerio como por escrito, petición que tamén foi referendada dúas veces no Parlamento de Galicia, “sen que a Sociedade atendera a petición”. E apuntou que a Xunta seguirá a reclamala.