A Xunta activa a nova liña de axudas para rehabilitación de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes, con achegas de ata 30.000 €
Allegue subliña que a nova medida do Goberno galego únese ás xa en vigor para poñer a disposición vivenda nos concellos pequenos e busca asentar poboación no rural
A Xunta destina un orzamento de 5M€ con carácter bianual a estas axudas con fondos autonómicos, que poderán ser ampliados se a demanda de solicitudes excede esa contía, e a axuda cubrirá ata o 75% das obras
A vivenda rehabilitada ou resultante por cambio de uso deberá destinarse a domicilio habitual e permanente, ben do seu propietario ou en alugueiro durante un mínimo de 5 anos
Tras a publicación da convocatoria hoxe no Diario Oficial de Galicia, o vindeiro día 21 abrirase o prazo de solicitudes, que rematará o 1 de setembro ou no momento de esgotamento do crédito orzamentario
Moraña (Pontevedra), 13 de xaneiro de 2025
A Xunta activa a nova liña de axudas para rehabilitación de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes, con achegas que poden acadar os 30.000€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, deu conta hoxe en Moraña da convocatoria desta nova iniciativa da Xunta que busca revitalizar estes concellos e “asentar deste xeito poboación no rural”.
A conselleira destacou que a nova liña se une ás medidas coas que o Goberno galego axuda aos concellos de menor poboación a garantir o acceso á vivenda e está destinada tanto a rehabilitación como ao remate ou ampliación de vivendas en concellos de 5.000 habitantes. Inclúese así mesmo a posibilidade de cambiar o uso locais baleiros en vivenda, para a que o Goberno galego xa simplificara os trámites coa modificación normativa en vigor desde hai un ano.
A Xunta destina un orzamento bianual de 5M€, con fondos autonómicos, que poderán ser ampliados se o número de solicitudes excede a citada contía. “É unha axuda -destacou Allegue- que beneficiará a 203 concellos e quero incidir en que os beneficiarios poderán recibir as axudas antes de comezar as obras”.
En concreto, as achegas están dirixidas a propietarios ou usufrutuarios de vivendas ou locais situados en concellos de menos de 5.000 habitantes, co requisito de que a vivenda rehabilitada ou resultante (por cambio de uso) debe destinarse a domicilio habitual e permanente, ben do seu propietario ou en alugueiro, neste caso, durante un mínimo 5 anos.
Hai que destacar que a nova liña é compatible con outras da mesma finalidade, tanto convocadas por outra consellería da Xunta ou outra administración, sempre e cando a axuda non supere o custo total das actuacións. Neste senso, Allegue incidiu en que as achegas son compatibles coas de adquisición de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes, de xeito que por exemplo, se pode adquirir unha vivenda abandonada con esta subvención e reformala con esta nova axuda que se convoca.
Por outra banda, no caso concreto das axudas do programa Fogar Vivo, non serán compatible coa axuda de reforma, pero os propietarios si poderán solicitar esta achega para cubrir o seguro de impago de rendas ou seguro multirrisco no fogar.
Obras subvencionables
A axuda cubrirá ata o 75% das obras, cun importe máximo de 30.000€, e as obras que se poderán acometer con estas achegas no marco da rehabilitación inclúen traballos de accesibilidade, conservación, habitabilidade, sostibilidade e eficiencia enerxética. Tamén as actuacións para a medición e a execución de obras que eviten a entrada do gas radon ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.
Así mesmo, no custe total das actuacións subvencionables pódense incluír os honorarios da redacción dos proxectos, informes técnicos e certificados necesarios, e os gastos derivados da tramitación administrativa. E tamén os gastos derivados de impostos, taxas e tributos, que estean debidamente xustificados.
Prazo
Tras a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia das bases da convocatoria, o día 21 deste mes abrirase o prazo de presentación de solicitudes, que rematará o 1 de setembro, ou no momento do esgotamento do crédito orzamentario.
Outras liñas
A nova liña de axudas únese a outras medidas da Xunta para impulsar vivenda, como as achegas para adquisición de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes (con maior contía para os menores de 36 anos), as axudas para rehabilitar vivendas de titularidade municipal ou para rehabilitar vivendas en concellos con Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) e para reformar vivendas situadas no Camiño de Santiago ou na Ribeira Sacra. Ademais, a Xunta puxo en marcha axudas para recuperar vivendas baleiras (ata 16.000 €) a través do programa Fogar Vivo.