A Xunta activa a nova convocatoria de axudas de accesibilidade, cun orzamento de 5,3 M€, que permitirá acometer adaptacións en 750 vivendas en Galicia

As subvencións poderán solicitarse dende o vindeiro xoves ata o 28 de abril na web do Instituto Galego da Vivenda e Solo e dirixiranse a propietarios e a comunidades

O obxectivo desta iniciativa é contribuír a financiar actuacións para eliminar barreiras e mellorar a calidade de vida de persoas con mobilidade reducida ou discapacidade

As axudas contan con importes entre 6.000 e 18.000€, chegando á máxima contía se son vivendas onde residen persoas con discapacidade, é dicir, o 80% do gasto

Os beneficiarios poderán acometer, na vivenda ou en zonas comúns, instalacións de ascensores, salvaescaleiras, ramplas, automatismos para apertura de portas, iluminación no portal ou colocación de guindastres, entre outras accións

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2025

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova convocatoria de axudas de accesibilidade, dotada dun orzamento de 5,3M€, que permitirá acometer adaptacións en arredor de 750 vivendas na comunidade.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, supervisou hoxe un edificio en Santiago de Compostela no que, ao abeiro destas axudas, se instalou un ascensor, do que se benefician 9 familias. Puxo como exemplo esta actuación executada a través dunha subvención de máis de 100.000€, que supuxo o 65% do importe total da obra.

Neste sentido, Allegue destacou a importancia destas axudas, cuxo obxectivo é contribuír a financiar actuacións para eliminar barreiras e mellorar a calidade de vida de persoas con mobilidade reducida ou con discapacidade.

As subvencións poderán solicitarse dende o vindeiro xoves ata o 28 abril, é dicir, teñen un mes de prazo. A petición realizarase mediante a web do Instituto Galego da Vivenda e Solo e dirixirase tanto a propietarios coma a comunidades.

Estas axudas contan con importes que oscilan entre os 6.000 e os 18.000€, chegando á máxima contía se se trata de vivendas ou edificios onde residen persoas con discapacidade.

De xeito máis detallado, os importes das axudas serán de ata 12.500€ en vivendas unifamiliares; ata 9.000€ por cada piso susceptible de recibir a subvención, en edificios de tipoloxía residencial colectiva; e ata 6.000€  por piso “illado” en un residencial colectivo.

A conselleira subliñou que as axudas poden chegar ata o 80% do gasto, por iso son moi demandadas. Engadiu ademais que acadan os 18.000 € se na vivenda reside unha persoa con discapacidade.

Con estes incentivos, os beneficiarios poderán acometer, tanto na vivenda como en zonas comúns, instalacións de ascensores, salvaescaleiras, ramplas, automatismos para a apertura de portas, videporteiros, iluminación no portal ou colocación de guindastres.