A Xunta abre o prazo para solicitar as axudas para as Áreas de rehabilitación dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas visitou unha das vivendas rehabilitadas no marco destas achegas no concello de Paradela, na provincia de Lugo

Este programa de axudas permitiu impulsar a renovación ou rehabilitación de preto de 1.700 vivendas en Galicia dende 2021

Os propietarios e comunidades de veciños interesados nesta convocatoria poden presentar as súas solicitudes ata o 27 de febreiro

Paradela (Lugo), 29 de xaneiro de 2025

Os propietarios nas Áreas de rehabilitación integral (ARI) supramunicipais dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra, xa poden solicitar as axudas destinadas á rehabilitación de vivendas e edificios residenciais, ás que as Xunta destina este ano 1M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co Delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe en Paradela, na provincia de Lugo, unha das vivendas renovadas a través destas achegas, coas que desde o ano 2021 se impulsaron preto de 1.700 actuacións, cun investimento total de 7,5M€.

Allegue puxo como exemplo do resultado deste programa a reforma realizada pola propietaria, que obtivo unha axuda de 34.000€ da ARI Ribeira Sacra, para unha vivenda unifamiliar de dúas plantas na que se conservaron as fachadas orixinais.

A conselleira resaltou a aposta da Xunta por asentar poboación no rural, creando novos fogares que dean a familias a oportunidade de comezar unha nova etapa vital na contorna da Ribeira Sacra e nas localidades polas que transcorren os diferentes Camiños.

Por último, M. Allegue puxo o acento nas medidas en materia de vivenda que está a impulsar a Xunta de Galicia centradas en vilas de pequeno tamaño con outros programas como o de reparación de infravivendas para concellos de menos de 10.000 habitantes; o de Rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal para localidades de menos de 30.000 habitantes ou as axudas á adquisición, cunha modalidade específica para beneficiarios en vilas de menos de 10.000 habitantes.

No que atinxe ás axudas para ás ARI dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra, o prazo rematará o vindeiro 27 de febreiro e será requisito imprescindible contar coa cualificación definitiva outorgada polo IGVS, que se obtén despois de realizar as obras, para as que previamente debe obterse a cualificación provisional. O orzamento deste programa ascende a 1M€.

Beneficiarios das actuacións

No ámbito das dúas ARI supramunicipais poderán solicitar a axuda as comunidades de propietarios e as agrupacións de comunidades; as agrupacións de propietarios; e as persoas físicas propietarias de edificios ou vivendas que xa acadaran a cualificación definitiva outorgada polo IGVS.

A contía das axudas chega ata o 75% do importe subvencionable da actuación. O importe máximo poderá acadar os 12.000€ por vivenda rehabilitada e 30.000€ no caso de construción en substitución doutra previamente demolida.

Visita ás actuacións en Paradela dentro do Plan Hurbe

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas tamén visitou as zonas renovadas no concello lucense grazas ás achegas enmarcadas no plan HURBE da Xunta, concretamente na contorna da rúa Pacios, cun investimento de máis 256.000€.