Escoitar
A Xunta abre hoxe o prazo para solicitar os avais para a compra da primeira vivenda, cun orzamento de 5 M€
O departamento que dirixe M. Allegue avalará os préstamos hipotecarios solicitados por menores de 36 anos para compra da súa primeira vivenda e, no caso de adquisición de vivenda protexida, non existe límite de idade para poder acceder aos avais
Allegue subliña que os avais sufragan o 20% do custe de adquisición das vivendas, complementando o financiamento que concede a entidade bancaria, e facilitando así que mozos e familias poidan afrontar a compra do seu primeiro fogar
Desde a posta en marcha deste programa no 2023, a Xunta leva concedido 219 avais por un importe superior aos 4 M€
Ferrol, 13 de marzo de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, informou hoxe a apertura do prazo para solicitar os avais da Xunta destinados a facilitar a compra da primeira vivenda, unha medida coa que o Goberno galego busca favorecer o acceso á vivenda, especialmente entre a mocidade.
A conselleira realizou este anuncio durante unha visita á vivenda de Susana e David, unha parella nova con dous fillos, que puido adquirir a súa casa coa colaboración da Xunta a través deste programa. Durante o encontro, Allegue agradeceu que lles abrisen as portas do seu fogar e destacou que para a Administración autonómica resulta especialmente satisfactorio comprobar como as axudas públicas cumpren o seu obxectivo e permiten que familias galegas accedan á súa vivenda.
Segundo lembrou, o prazo para solicitar estes avais ábrese hoxe e permanecerá aberto ata o 30 de outubro, cunha dotación de ata 5M€. A través desta iniciativa, a Xunta avala ata o 20 % do prezo de adquisición da vivenda, que complementa o financiamento que concede a entidade bancaria, facilitando así que mozos e familias poidan afrontar a compra do seu primeiro fogar.
A conselleira lembrou que os menores de 36 anos poden acollerse a estes avais para adquirir a súa primeira vivenda, mentres que no caso da compra de vivenda protexida non existe límite de idade, unha novidade incorporada na convocatoria do pasado ano co obxectivo de ampliar o acceso a este instrumento de apoio.
Desde a posta en marcha do programa no ano 2023, a Xunta concedeu 219 avais por un importe superior aos 4 millóns de euros, o que permitiu apoiar a numerosas persoas no acceso á vivenda.
Allegue tamén destacou que estes avais son compatibles con outras liñas de axuda da Xunta para a adquisición de vivenda, entre elas as destinadas a mozos menores de 36 anos que residan en concellos de menos de 10.000 habitantes, así como as axudas para a compra en cascos históricos e para a adquisición de vivenda protexida.
Neste sentido, avanzou que a Xunta convocará este mesmo mes as axudas para a compra de vivenda protexida e en centros históricos, tal e como anunciou recentemente no Parlamento o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Respecto ás axudas dirixidas a menores de 36 anos en concellos de menos de 10.000 habitantes, a conselleira indicou que a súa convocatoria continúa pendente da aprobación do novo plan estatal de vivenda por parte do Goberno central, polo que volveu reclamar que se axilice a súa tramitación para poder activar estas achegas.
A conselleira concluíu reiterando o compromiso da Xunta de seguir impulsando medidas que faciliten o acceso á vivenda en Galicia, con especial atención á mocidade.
Requisitos
Poderán acceder a estes avais as persoas menores de 36 anos, con nacionalidade española ou dun país da Unión Europea ou, no caso de estranxeiros, con autorización de estancia ou residencia en España, e ingresos entre 2 e 5,5 veces o Iprem, podendo incrementarse cando a adquisición se realice por máis dunha persoa. Nese caso o límite máximo dos ingresos conxuntos dos adquirentes poderá acadar 6,5 Iprem.
O prezo máximo de adquisición da vivenda estará entre 180.000 e 260.000 euros, segundo o ámbito territorial do concello no que se emprace a mesma.
No caso de vivendas protexidas, o prezo máximo das mesmas será o establecido na cualificación definitiva.