Rueda salienta os avances da Xunta para acadar 10.000 vivendas públicas no ano 2030

Agradece ao Concello a cesión gratuíta da parcela e pon en valor a importancia da cooperación coas administracións municipais

Avanza que a Xunta licitará mañá o contrato de redacción do proxecto e as obras destes novos fogares

O prego de condicións inclúe o uso obrigatorio das técnicas industrializadas primando o emprego da madeira

Sanxenxo (Pontevedra), 17 de febreiro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe os avances que está a facer o Executivo galego para acadar 10.000 vivendas públicas na comunidade no ano 2030.

Así o fixo esta mañá en Sanxenxo, onde acudiu acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, para firmar xunto ao alcalde do  Concello, Telmo Martín, o Convenio de Cesión da parcela municipal en Noalla para construír 25 vivendas públicas, cun investimento autonómico de 7M€.

O titular do Goberno galego avanzou que “non hai tempo que perder” e que a Xunta licitará mañá nun mesmo contrato tanto a redacción do proxecto como o da dirección de obra e o da execución das obras destes novos fogares. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recollerá mañá esta licitación e as empresas poderán presentar ofertas ata o vindeiro 20 de abril.

Rueda subliñou que a vivenda pública será “de calidade” e sinalou que, como novidade, neste contrato inclúese no prego de condicións o obrigatorio uso de técnicas industrializadas para a construción do inmoble, primando o uso da madeira. A Xunta aposta por esta forma de construción que permite axilizar tempos e axuda ás empresas ante o problema de falta de man de obra. Neste caso, o uso das técnicas industrializadas supón o 25% da puntuación, ao que hai que sumar o 5% se a obra emprega madeira galega.

O presidente encadrou estas obras como un paso máis dentro do gran obxectivo marcado na lexislatura de “facer 4.000 vivendas en catro anos e 6.000 en seis”, algo para o que é preciso “poñer recursos”.

Neste sentido, Alfonso Rueda agradeceu ao Concello de Sanxenxo a cesión gratuíta desta parcela que fará posible a construción de vivendas públicas ao servizo da cidadanía e puxo en valor a importancia da cooperación coas administracións municipais para traballar por un obxectivo común, que é garantir o acceso da cidadanía á vivenda.