Rueda lamenta a falta de vontade do Goberno para chegar a acordos en materias clave como o financiamento, a vivenda, a inmigración e a sanidade
Insiste en que é “inaprazable” abordar o modelo de financiamento autonómico no Consello de Política Fiscal e Financeira
Demanda máis coordinación en vivenda, e máis participación tanto nos fondos como na elaboración dos plans estatais
Subliña que as demandas de Galicia para dar resposta ao déficit de profesionais sanitarios seguen sen ter resposta e que aumentar as prazas nas facultades de Medicina non serve para solucionar estas necesidades que hai que atallar de xeito inmediato
Santander, 13 de decembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou hoxe, tras a súa participación na XXVII Conferencia de presidentes autonómicos, a falta de vontade do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para chegar a acordos en materias clave como a vivenda, a inmigración, a sanidade e o financiamento.
Con respecto a este punto, Rueda insistiu en que é “urxente” e “inaprazable” que o Consello de Política Fiscal e Financeira aborde o modelo de financiamento autonómico. Segundo sinalou, o presidente Sánchez “deixou sen resposta” esta cuestión, a pesar de existir un consenso xeral entre os mandatarios autonómicos en que as comunidades “estamos financiadas de forma deficitaria”. Tal e como sostivo o presidente galego, todo o demais, incluíndo a condonación da débeda, é “secundario”. Ademais, Rueda recordou que hai unha gran parte de fondos Next Generation sen mobilizar e reivindicou unha vez máis a descentralización da súa xestión.
Coordinación no eido da vivenda e en inmigración
En relación coa vivenda, incidiu en que “todos coincidimos na necesaria coordinación” e pediu máis participación tanto nos fondos como na elaboración dos plans estatais. O presidente autonómico, que indicou que a Lei de vivenda estatal “non está funcionando”, lembrou que nin un só concello galego pediu a declaración de zona tensionada. Ademais, Rueda celebrou as medidas anunciadas polo Goberno central neste eido porque a maioría se puxeron en marcha en Galicia.
Sobre a inmigración, o máximo responsable do Executivo galego valorou que “non quedou ningunha dúbida da solidariedade e a implicación das comunidades autónomas”. Apuntou que a “inmigración que funciona é a inmigración ordenada, tanto en orixe como á hora de recibilos” e subliñou que, tamén no caso dos menores non acompañados, cómpre unha maior planificación, coordinación e financiamento.
Falta de profesionais na sanidade
O presidente da Xunta destacou algunhas das medidas anunciadas polo Goberno para atallar a falta de profesionais sanitarios, como o aumento de prazas nas facultades de Medicina, pero dixo que, aínda que isto terá repercusións a máis longo prazo, non serve para as necesidades que se están dando agora mesmo e que hai que solucionar “de xeito inmediato”.
Segundo Rueda, Galicia segue sen ter resposta a demandas como a flexibilización da docencia, o aumento das prazas MIR, o aprazamento voluntario da xubilación aos 72 anos a homologación dos títulos estranxeiros ou o desenvolvemento da especialidade de urxencias. “Non sabemos se se vai facer nin en que prazo”, indicou.
Apuntou ademais que foron varias as comunidades autónomas que preguntaron ao Goberno que vai pasar cos actuais mutualistas de Muface, sen que tampouco se facilitase información ao respecto sobre este tema, que centrará unha reunión a próxima semana.
O presidente da Xunta concluíu que a reunión de hoxe “foi unha reprodución dos encontros bilaterais a escala multilateral sen ningún acordo”. Así, sinalou, “só me queda esperar que o que hoxe se falou teña un desenvolvemento” posterior, aínda que “o resultado de hoxe non me invita a ser moi optimista”.