Rueda destaca a posta en servizo da totalidade da primeira fase de `Abrir Ferrol ao Mar´ para avanzar nunha cidade máis “vivible e sostible”

Subliña a colaboración entre administracións para levar adiante as actuacións na fachada marítima desta cidade

Sitúa o Concello de Ferrol como exemplo de cooperación para a posta en marcha de novas vivendas públicas

Ferrol, 14 de febreiro de 2025

O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou hoxe que a posta en servizo da totalidade da primeira fase de Abrir Ferrol ao Mar permite avanzar nunha cidade “máis vivible e sostible”.

Durante a súa intervención ao remate dun percorrido pola zona de actuación, o presidente da Xunta salientou a colaboración entre administracións e entidades para levar adiante as actuacións na fachada marítima ferrolá. Segundo Rueda, “isto é o que piden os veciños con todo o dereito”, sinalando que “as cidades teñen que ser cada vez máis vivibles e máis sostibles”.

No día de hoxe inaugurouse o entorno da dársena de Curuxeiras e a ampliación dun aparcamento na zona da Capitanía Marítima, completando a primeira fase do proxecto, destinada a fomentar a mobilidade sostible na fachada marítima de Ferrol, facéndoa máis atractiva para os seus cidadáns e e visitantes, e integrándoa na súa contorna natural.

A primeira fase do proxecto Abrir Ferrol ao Mar que se pechou hoxe é o resultado do convenio asinado en setembro de 2022 entre a Axencia Galega de Infraestruturas e a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. Este acordo tivo continuidade ao asinar un novo convenio entre a Xunta e o Concello de Ferrol, que supuxo a división do proxecto global en dúas fases.

O investimento total, froito da cooperación entre Xunta, Autoridade Portuaria de Concello de Ferrol supera os 15 M€. A achega da Xunta de Galicia ascende a 8,83 M€, dos que 3,11 M€ son provenientes dos fondos MRR – Next Generation.

Aposta pola vivenda pública

Durante a súa intervención, Alfonso Rueda tamén situou a Ferrol como “exemplo de concello que está colaborando coa Xunta para poder ter o que necesitamos para facer vivendas públicas”, en relación á dispoñibilidade do chan ou a coordinación administrativa en materia de licenzas.