Rueda destaca os 2.000 M€ que investirá a Xunta ata 2030 para acadar un parque de 10.000 vivendas públicas e blindar o dereito a un fogar
Resalta que o novo Pacto nace do “consenso co sector” no marco do Observatorio da Vivenda e pon o foco na construción, a rehabilitación e a xestión de solo residencial
Salienta que o acordo mobilizará un total de 7.000 M€ entre fondos públicos e privados e “permitirá xerar ou manter preto de 60.000 postos de traballo”
“Galicia Calidade é tamén isto: facer vivenda, facela en prazo, facela ben e despois distribuíla ben entre os que máis o necesitan e tamén entre os que máis o merecen”, asegura
Pontevedra, 10 de febreiro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a sinatura do II Pacto de Vivenda de Galicia 2026-2030, unha folla de ruta estratéxica para, tal e como explicou, “acadar as 10.000 vivendas públicas no ano 2030”, o que require un esforzo investidor directo por parte da administración autonómica de case 2.000 millóns de euros.
“Despois de moita análise, despois de moito diálogo, planificación, execución e colaboración, chegouse a este consenso que acabamos de asinar e a partir de agora o que toca é cumprir”, asegurou, facendo referencia a que o acordo nace “dos compromisos serios e firmes” co sector, no marco do Observatorio da Vivenda e pon o foco na construción, a rehabilitación e a xestión de solo residencial en colaboración cos concellos. Neste sentido, Rueda agradeceu o seu compromiso aos 16 municipios “que agora mesmo están colaborando” e que cederon parcelas gratuitamente á Xunta para construír novos fogares.
Neste sentido, lembrou o obxectivo marcado pola Xunta ao inicio da lexislatura de duplicar o parque público de vivenda para pasar de 4.000 a 8.000 inmobles en 2028. Ademais, sinalou que o Goberno galego ten actualmente 3.000 vivendas en marcha nalgunha fase de execución, ás que se sumarán antes de que remate o ano 1.000 máis. De feito, en 2026 xa haberá familias que reciban as chaves do seu fogar.
Colaboración público-privada
Este II Pacto de Vivenda de Galicia, que dá continuidade ao anterior plan iniciado en 2021 –que tivo unha execución dun 97,8%–, establece un compromiso orzamentario “sen precedentes” para garantir o dereito á vivenda. Así, recalcou tamén que o éxito desta planificación reside na colaboración público-privada, estimando que o pacto mobilizará uns “5.000 millóns de euros de investimento privado e permitirá xerar ou manter preto de 60.000 postos de traballo” en toda Galicia. Polo tanto, este II Pacto vai mobilizar, entre fondos públicos e privados, uns 7.000 M€. “É un enorme reto a todos os niveles”, asegurou, ao tempo que asegurou que servirá para “poñer en valor a arquitectura, porque todo isto se pode facer ben e incluso bonito”.
Coa mirada posta nos máis mozos
Un dos puntos clave desta estratexia é o apoio específico á mocidade galega para facilitar a súa emancipación e proxectos de vida, polo que se potenciarán novas fórmulas “como os aloxamentos compartidos”.
“Galicia Calidade é tamén isto: facer vivenda, facela en prazo, facela ben e despois distribuíla ben entre os que máis o necesitan e tamén entre os que máis o merecen”, asegurou.