Rueda destaca o compromiso da Xunta co acceso á vivenda ao habilitar 412 novos inmobles públicos e 300 prazas residenciais en Santiago e na Coruña

Ademais, o Executivo autonómico poñerá en marcha 150 aloxamentos compartidos no campus coruñés de Elviña

Salienta que a Xunta investirá “máis de 80 M€” nestes novos espazos residenciais

O Executivo autonómico convoca senllos concursos de ideas arquitectónicas para facer edificacións “de calidade, ben deseñadas, ben pensadas e ben planificadas”

Construiranse dúas novas residencias xuvenís, dirixidas a mozos de 16 a 30 anos que, por motivos de estudos o traballo, teñan que vivir fóra do seu domicilio

Lembrou que a vivenda é a gran prioridade da lexislatura e reafirma o compromiso de duplicar o parque público ata chegar aos 8.000 fogares

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso do Goberno galego con facilitar o acceso á vivenda, especialmente para estudantes e menores de 36 anos, poñendo como exemplo os novos espazos residenciais que se construirán en Santiago e na Coruña e nos que o Executivo autonómico investirá “máis de 80 millóns de euros”.

En concreto, Rueda salientou as 412 vivendas de promoción pública –“244 na capital galega e 168 na Coruña”– que levará a cabo a Administración galega, así como 150 aloxamentos compartidos na cidade herculina e “dúas residencias xuvenís, unha en cada cidade, con 150 prazas cada unha”.

Uns proxectos divididos en dous lotes e para os cales se convocan hoxe mesmo senllos concursos de ideas arquitectónicas, que xa están publicados na Plataforma de Contratos de Galicia. “Queremos unha boa arquitectura, que se fagan unhas edificacións de calidade, ben pensadas, ben deseñadas e ben planificadas”, indicou. Esta fase técnica conta cun investimento de 4,2 millóns de euros (1,9 M€ para o lote de Santiago e 2,3 M€ para o da Coruña) e o que busca é atraer o talento dos profesionais co obxectivo de acadar os mellores proxectos.

No caso de Santiago, actuarase nunha parcela de 11.013 metros cadrados de superficie situada en Salgueiriños e que actualmente está a ser utilizada como aparcamento. Así, Rueda explicou que o proxecto é posible grazas á modificación normativa impulsada pola Xunta este ano que permite, dende o pasado 1 de xaneiro, transformar solos dotacionais en espazos residenciais, xa que o Goberno galego non dispón de máis solo para construír na cidade.

Pola súa banda, no caso da Coruña, as vivendas e a residencia estarán dentro do campus universitario de Elviña sobre terreos propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), polo que contarán cunha localización singular próxima á trama urbana da cidade.

No caso das residencias xuvenís, construiranse en dous concellos que actualmente non contan con estas instalacións públicas –actualmente en Galicia só hai centros deste tipo en Lugo, Ourense e Vigo–. Estas residencias están destinadas a mozos entre 16 e 30 anos que, por motivos de estudos ou traballo, estean obrigados a permanecer fóra do seu domicilio.

O IGVS encargarase da urbanización das parcelas e da construción das vivendas e dos aloxamentos compartidos, mentres que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fará o propio coas residencias.

A gran prioridade da lexislatura

Alfonso Rueda insistiu en que a vivenda unha das grandes prioridades para a Xunta e lembrou que, “xa hai 3.000 vivendas públicas en diferentes fases de execución e, neste 2026, poñeremos en marcha o resto para chegar as 4.000 comprometidas nesta lexislatura”. O obxectivo é duplicar o parque público residencial ata chegar as 8.000 vivendas públicas.

A Administración autonómica ten xa en marcha 400 fogares na capital galega –60 deles para entregar este mesmo ano en Lamas de Abade e O Castiñeiriño– e preto de 800 na Coruña.