Escoitar
Rueda destaca a aposta real da Xunta por aumentar a oferta de vivenda, con 4.000 fogares públicos xa en marcha
Fai fincapé en que se está cumprindo o compromiso de duplicar o parque público de vivenda, chegando a 8.000 fogares antes de que remate 2028
Avanza que nos próximos meses seguiranse poñendo pisos a disposición dos seus beneficiarios
Pon en valor que o Goberno galego vén traballando co planificación desde hai anos en materia de vivenda
Apunta a outras iniciativas, como o desenvolvemento de solo para construír outros 25.000 fogares
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta real e palpable do Goberno galego por aumentar a oferta de vivenda e paliar os problemas de acceso á mesma. Neste sentido, fixo fincapé en que se está cumprindo o compromiso de duplicar o parque público, chegando a 8.000 fogares antes de que remate 2028, con 4.000 xa en marcha, dos que máis de 430 están en Santiago de Compostela.
Así o sinalou esta tarde no acto de entrega de chaves aos 24 beneficiarios dos pisos construídos en Lamas de Abade, na capital galega. No acto estivo acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue.
Estes fogares forman parte do compromiso do Goberno galego de duplicar o parque público ata 2028 e supoñen a segunda entrega de chaves, tralas 74 vivendas que se entregaron en verán en Pontevedra. Nos próximos meses seguiranse poñendo novos pisos a disposición dos seus beneficiarios.
Rueda puxo en valor que a folla de ruta do Goberno galego en materia de vivenda é real e palpable, e que o Executivo autonómico traballa desde hai anos con planificación e intensidade. Neste sentido, rexeitou improvisacións para afrontar o que se ten convertido nun dos principais problemas para a poboación.
Na súa intervención, fixo un repaso tamén por outras medidas que está impulsando o Goberno galego, como o desenvolvemento de solo para 25.000 vivendas, 20.000 delas protexidas; a aposta pola rehabilitación para destinala a alugueiro accesible; ou outras iniciativas como a cualificación indefinida das vivendas públicas e protexidas en solo público, ou a conversión de locais comerciais en fogares.
24 vivendas en Lamas de Abade
As 24 vivendas que se entregaron hoxe en Lamas de Abade -de 1, 2 e 3 dormitorios- son de alugueiro accesible. A renda mensual, cos descontos aplicados, oscilará entre 117,72 e 224 euros mensuais.
Do total dos pisos entregados hoxe, 9 foron adxudicados a menores de 36 anos, en cumprimento da reserva do 40% das novas vivendas públicas en alugueiro para esa franxa de idade.
En total, no edificio -que incorpora aerotermia e paneis fotovoltaicos na cuberta- investíronse 4,8 millóns de euros, dos que 1,1 proveñen de fondos europeos.