Rueda critica que o novo modelo de financiamento autonómico vulnera o principio de igualdade entre territorios e prexudica gravemente a Galicia

Reivindica a vixencia das reclamacións recollidas na Declaración de Santiago, asinada en 2021 por 8 comunidades autónomas de distinto signo político

Lembra o obxectivo da Xunta de duplicar o parque de vivenda pública nesta lexislatura, pasando de 4.000 a 8.000 fogares

Destaca a marca Galicia Calidade como representante do mellor da nosa comunidade, incluídas as políticas pioneiras en materia de educación, innovación ou sanidade

Zaragoza, 15 de xaneiro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, criticou hoxe o novo modelo de financiamento autonómico presentado polo Goberno central porque vulnera os principios de igualdade e solidariedade entre territorios consagrados pola Constitución Española, e porque é “moi prexudicial” para Galicia, situándoa no “vagón de cola” do financiamento. Así o expuxo esta tarde durante a súa participación no ciclo Vecinos y amigos, organizado polo Heraldo de Aragón.

Rueda explicou as razóns polas que o Goberno galego rexeita esta proposta. Entre outras, censurou que partise dunha negociación unilateral, na que non participaron o resto de comunidades autónomas. Do mesmo modo, tamén reprobou que rebaixa o peso dos criterios de dispersión e envellecemento, cando Galicia vén reclamando xusto o contrario: que se incremente a ponderación destes dous factores, en tanto “encarecen a prestación de servizos públicos”.

Na súa intervención, o titular do Executivo galego tamén reivindicou a Declaración de Santiago, asinada en 2021 por 8 comunidades autónomas de distinto signo político -incluídas Galicia e Aragón- como un “punto de encontro”. Sinalou que as reclamacións recollidas nese documento “seguen vixentes” e púxoa como exemplo de que é posible chegar a acordos multilaterais se hai “vontade de entendemento”.

A vivenda como prioridade

Durante o diálogo, Alfonso Rueda tamén se referiu á vivenda como unha “prioridade fundamental” e  o “principal problema que ten agora mesmo a xente”, poñendo en valor as políticas da Xunta nesta materia. Así, lembrou que a Administración autonómica fixouse como obxectivo duplicar o parque público de vivenda nesta lexislatura e pasar de 4.000 a 8.000 fogares. Neste sentido, sinalou que, actualmente, xa hai 3.000 en marcha e este ano comezarase a traballar nas 1.000 restantes.

Estas iniciativas compleméntanse co desenvolvemento de solo para 25.000 vivendas, 20.000 protexidas, ademais do impulso ás axudas á rehabilitación, ao alugueiro e doutras medidas, como o programa Fogar Vivo para mobilizar vivenda baleira.

En canto ás prioridades do Goberno galego, o presidente salientou tamén a importancia de “non desaproveitar as oportunidades de proxectos industriais” amosando “firmeza e coherencia dentro da legalidade”.

Ademais, Rueda destacou a marca Galicia Calidade como a mellor representante de todo o bo que hai na comunidade autónoma, “unha fórmula vixente que segue funcionando”. Non é só símbolo da excelencia dos produtos galegos, senón que tamén representa políticas pioneiras como a universidade máis accesible de España; unha aposta potente pola I+G+i, a innovación galega; un dos calendarios de vacinación máis completos do mundo; ou unha sanidade pública que será a primeira en ofrecer protonterapia na loita contra o cancro.