Rueda aposta por seguir tendendo pontes con Castela e León para impulsar a economía e as infraestruturas

Sinala que a vivenda é un “problema de primeiro orde” fronte ao que hai que “ser prácticos e facer vivendas” e lembra que a Xunta traballa para duplicar os inmobles públicos nesta lexislatura ata chegar ás 8.000

Fai fincapé na aposta do Executivo galego pola I+G+i e apunta que onte se iniciou a tramitación dunha nova Lei no eido da ciencia e a innovación

Insta a facer presión de xeito conxunto para reverter os déficits en materia de infraestruturas

Lugo, 4 de novembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou hoxe por seguir tendendo pontes con Castela e León, así como co conxunto das comunidades autónomas e administracións, para impulsar o desenvolvemento económico, as infraestruturas e o benestar social.

Rueda, que participou xunto co presidente castelán leonés, Alfonso Fernández Mañueco, no I Foro Ancares: os retos do Noroeste, organizado por El Progreso e Diario de León,  sinalou que a vivenda é un “problema de primeiro orde” fronte ao que hai que “ser prácticos e facer vivendas”. O obxectivo do Goberno galego, tal e como recordou, é duplicar nesta lexislatura o parque público, pasando de 4.000 a 8.000 vivendas, estando en marcha xa preto de 3.000.

Tal e como se lembrou no foro, para o vindeiro ano, entre outras medidas, incrementarase un 20 % a edificabilidade nas promocións de vivenda protexida e poñerase en marcha un proxecto piloto para adquirir e rehabilitar baixos comerciais en desuso para transformalos en vivenda pública.

O presidente autonómico incidiu na aposta da Xunta por promover a I+G+i, é dicir a investigación e innovación galega, e apuntou que onte se iniciou a tramitación da nova Lei de ciencia e innovación. Neste ámbito, destacou a concesión da fábrica europea de intelixencia artificial coa que contará Galicia. Ademais, Rueda subliñou as oportunidades que supón o parque empresarial de Rozas no sector da defensa e a seguridade, que ofrece “moitísimas posibilidades de crecemento”.

Por outra banda, o presidente autonómico lamentou a discriminación que sofre a provincia de Lugo tanto no eido da planificación eléctrica, que impide o desenvolvemento de novas industrias, como no ámbito das infraestruturas, subliñando a importancia de que o Goberno central conte con orzamentos para poder realizar investimentos neste eido.

No relativo ás autoestradas, onde existe unha fronte común con Asturias e Castela e León, o responsable do Executivo galego lembrou que se seguen pagando unhas peaxes inxustas mentres se levantan noutros territorios e subliñou a importancia de que se avance no Corredor Atlántico. O presidente da Xunta sinalou que “non pode ser que Ferrol e Lugo sigan a estas alturas sen unha conexión ferroviaria á altura” e apuntou que “todo isto hai que pedilo e hai que pedilo ao mesmo tempo”.

O presidente reflexionou sobre a necesidade de impulsar actividade económica no territorio que xere emprego e “contribúa polo tanto á fixación de poboación”, apostando por dar facilidades ás empresas e aos emprendedores que queren poñer en marcha novas iniciativas, sempre que respecten de xeito rigoroso a normativa.

Con respecto á enerxía eólica, subliñou que “a Xunta é a primeira interesada e a primeira promotora de que se cumpra coa legalidade”, subliñando que o desenvolvemento das renovables é fundamental para dar enerxía á industria, “e se non a teñen iranse a outros lugares”.

Ademais, Rueda reafirmou o compromiso de Galicia cun turismo sostible e responsable, avogando pola desestacionalización e por estendelo a distintas zonas, avogando por un turismo de calidade sen “perder as esencias”.