Rueda anuncia que a Xunta subirá os limiares de renda o próximo ano para que máis xente poida acceder a vivenda de promoción pública

O presidente do Goberno galego sinala no Parlamento que se darán tamén máis facilidades á xente nova, á que se reservará o 25 % da vivenda pública en venda e o 40 % da destinada a aluguer

Lembra que o orzamento neste eido se triplica ata superar os 120 millóns de euros

Apunta que o vindeiro ano se ampliará aos varóns de ata 21 anos a vacinación contra o papiloma humano

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2024

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, sinalou esta mañá no Parlamento que a Administración autonómica subirá os limiares de renda o próximo ano para que máis xente poida acceder a vivenda de promoción pública, poñendo como exemplo que se evitará así que unha parella que “entre os dous gañan 24.000 euros estean fóra das posibilidades de acceder á vivenda pública”.

Ao mesmo tempo daranse “máis posibilidades á xente nova” e, tal e como lembrou, reservarase aos mozos e mozas o 25 % da vivenda pública en venda e o 40 % da destinada a aluguer.

O responsable do Executivo autonómico, quen apostou por “medidas efectivas” que poñan máis vivendas a disposición das persoas en lugar de políticas que “detraen vivendas do mercado”, recordou que o obxectivo para esta lexislatura é duplicar o número de vivendas publicas promovidas pola Xunta chegando ás 8.000, sinalando que máis de 1.000 xa en marcha nos primeiros meses do mandato.

Rueda, quen subliñou que o orzamento destinado á construción de vivenda de promoción pública e solo residencial se triplica ata superar os 120 millóns de euros, apuntou tamén outras medidas que se están poñendo en marcha neste eido, como a reconversión dos baixos comerciais ou a redución á metade dos prazos de tramitación do novo solo residencial para vivendas protexidas, ademais de facer que estas “sexan vivendas protexidas sempre, a disposición dos que as necesitan”.

Líderes en vacinación

Por outra banda, no que respecta á sanidade, o presidente do Goberno galego apuntou que, despois de que neste ano se comezase a vacinar contra o papiloma humano aos varóns de ata 18 anos, este límite ampliarase o vindeiro ano para abarcar aos mozos de ata 21 anos. “Galicia seguirá á cabeza do calendario vacinal non só en España senón no mundo”, sinalou.

O presidente galego, quen apuntou que o Goberno galego seguirá traballando para mellorar a sanidade, lembrou que Galicia é a terceira comunidade con mellor espera cirúrxica, a metade da media nacional, e lembrou, entre outros aspectos, que no 2025 se crearán 1.412 prazas fixas para persoal sanitario ou a recente ampliación das persoas que poden beneficiarse dos servizos de reprodución asistida na sanidade pública.