Rueda anuncia que a Xunta reservará para a mocidade o 25% das novas vivendas públicas destinadas á venda e o 40% das promocións destinadas ao alugueiro

Avanza tamén a creación dun bono para axudar á xuventude a afrontar os gastos derivados da emancipación

Indica que estas medidas se suman a outras que se adoptarán nesta lexislatura e que axudarán á mocidade a independizarse e poder quedar a vivir e traballar en Galicia

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2024

O presidente do Executivo autonómico anunciou que a Xunta de Galicia destinará á xente moza o 25% das novas vivendas públicas destinadas á venda, que se van incorporar ao parque residencial público nesta lexislatura, e o 40% dentro das promocións dedicadas ao alugueiro.

Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia, en resposta a unha pregunta sobre as políticas que implementará a Xunta de Galicia para afrontar os problemas da mocidade galega, Rueda anunciou que a xente nova “ten que ser o centro das nosas políticas” e que esta medida súmase aos esforzos do Goberno galego por mellorar a vida da xuventude galega.

Nesta mesma liña, o presidente avanzou a creación dunha axuda para favorecer a emancipación xuvenil e axudar ás mozas e mozos a afrontar os gastos derivados desta, á marxe da mensualidade do alugueiro ou a cota da hipoteca.

Para Rueda, a ampliación do parque público de vivenda para duplicar o seu tamaño ata os 8000 inmobles é un compromiso de lexislatura que sobre todo “se dirixe á xente moza” e que é unha “política transversal” e de futuro. Será o cumprimento destes compromisos o que fará posible que se poida destinar á venta e ao alugueiro as porcentaxes anunciadas nesta lexislatura para menores de 36 anos.

Isto sumarase a outras medidas xa en vigor coma os avais do 20% para a mocidade que queira mercar vivenda ou os bonos para o alugueiro que benefician xa a 4300 galegos.

Medidas para a xente nova

Durante a sesión de control, o presidente da Xunta referiuse a outras medidas para a xente moza xa adoptadas ou por adoptar polo Goberno galego, como é a educación pública e gratuíta en todas as etapas formativas, o transporte público gratuíto ou as axudas para os primeiros gastos ao emanciparse.

Nesta liña, o titular do Executivo autonómico indicou que o obxectivo é fomentar a “cultura do esforzo”, a excelencia e a igualdade de oportunidades a través da formación, tratar de que sexa axeitada ao mercado laboral e potenciar o talento da xuventude no seu desempeño profesional.

En palabras do presidente, a Xunta aposta por estar coa xente moza, para que estude, se forme, traballe e viva en Galicia, “que é a súa terra”.