Rueda anuncia que a Xunta investirá 2 M€ no novo pavillón de Monte Porreiro e que colaborará con 1 M€ no financiamento de actuacións de saneamento

Destaca este acordo como un exemplo de colaboración institucional entre administracións “con independencia de cores políticas”

Continuarase avanzando no traslado das instalacións autonómicas situadas na Xunqueira da Gándara para que “as zonas se liberen e queden para disfrute de todos os veciños”

Inscribe estas iniciativas no compromiso do Goberno galego coa cidade, que se reflicte noutros investimentos como o Novo Montecelo, o Pazo de Lourizán, o Centro de Alto Rendemento ou a dragaxe do Lérez

Subliña que a colaboración entre o Concello de Pontevedra e a Xunta en materia de vivenda protexida está sendo “un exemplo”, apuntando que a vai colocar “nun lugar punteiro entre as cidades galegas”

Pontevedra, 6 de marzo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta investirá 2 millóns de euros para a construción do novo pavillón de Monte Porreiro, ademais de que colaborará, con 1 millón de euros, en actuacións de saneamento en Pontevedra.

Así se recolle no protocolo que asinou esta mañá co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e que puxo como exemplo de colaboración institucional entre administracións. Neste sentido, resaltou a importancia de visibilizar que “falando e poñéndonos de acordo e vendo cales son as prioridades” as administracións “podemos colaborar con independencia de cores políticas”.

A construción do novo pavillón virá a aumentar as infraestruturas deportivas da cidade, ademais de que suporá contar cunha instalación que aspira a ser referente en tenis de mesa, unha disciplina en auxe que agora mesmo conta cunhas 1.700 licenzas en Galicia. O obxectivo é que ese pavillón estea aberto tamén a outros deportes, e que contribúa a fomentar a actividade física entre a veciñanza.

Neste eido, o presidente autonómico puxo en valor o impulso da Xunta ao deporte da cidade, co futuro Centro de Alto Rendemento, e sinalou que outro dos temas abordados na reunión foi o posible apoio da Administración autonómica ao campionato de tríatlon que acollerá a cidade. Un encontro ao que, segundo sinalou o presidente autonómico, poderían sumarse novos patrocinadores unha vez que o Goberno central desbloquee os beneficios fiscais para as empresas colaboradoras co Xacobeo 2027.

En canto ao saneamento, as actuacións concretas determinaranse a través de reunións técnicas entre Concello e Xunta. Tal e como está recollido no protocolo, a Administración autonómica achegará o financiamento, mentres que o goberno municipal será o encargado de realizar as actuacións.

Ademais, o acordo asinado hoxe tamén recolle que se continuará avanzando na celebración de reunións técnicas para facilitar o traslado das instalacións autonómicas que están situadas na Xunqueira da Gándara.  Neste sentido, Rueda sinalou que “a intención da Xunta de Galicia, negociando co Concello de Pontevedra, é que esas dúas zonas se liberen e queden para disfrute de todos os veciños”.

Compromiso con Pontevedra

O titular do Executivo autonómico inscribiu estes proxectos no compromiso que a Xunta mantén con esta cidade. Así, entre outras iniciativas, referiuse ao Novo Montecelo; a rehabilitación do Pazo de Lourizán; ou ao proxecto de dragaxe do Lérez.

Tamén destacou Rueda que a colaboración entre o Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia en materia de vivenda protexida está sendo “un exemplo”, apuntando que a vai colocar “nun lugar punteiro entre as cidades galegas”.