Rueda anuncia que a Xunta desenvolverá solo residencial na zona do Ofimático en Vigo que permitirá construír 2.000 novas vivendas protexidas
Destaca que o Consello aprobou o proxecto de interese autonómico para habilitar solo neste ámbito
Salienta que se enmarca na Estratexia de Solo Residencial que busca que promotores e cooperativistas “constrúan 20.000 vivendas protexidas e 5.000 de prezo libre”
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas afirma que será “un novo barrio que estará ben comunicado, con servizos, zonas verdes e de lecer”
A Xunta investirá 22 M€ na urbanización deste ámbito
Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe inicialmente o proxecto de interese autonómico (PIA) “para habilitar solo residencial na zona do Ofimático de Vigo e construír 2.000 vivendas protexidas”. Trátase do segundo PIA que tramita a Xunta que acada a aprobación inicial, tras o de o barrio Sagrado Corazón de Lugo.
Unha medida que se enmarca na Estratexia de Solo Residencial do Goberno autonómico que, segundo resaltou o presidente, “busca habilitar terreos para que promotores e cooperativistas constrúan 20.000 vivendas protexidas e outras 5.000 de prezo libre”. “Avanzamos sen descanso no obxectivo de facilitar o acceso á vivenda”, indicou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue.
En concreto, o Consello aprobou hoxe desenvolver solo no ámbito do SUB 405 Ofimático, en Vigo. Trátase de 21 hectáreas situadas no extremo suroeste da parroquia de Santa Cristina de Lavadores, localizada na zona nordeste do centro da cidade, conformando unha das áreas de expansión da cidade cara ao sur.
A proposta de ordenación prevé un número aproximado de 2.000 vivendas (que ocuparán arredor de 42.000 m2 de superficie. “Un novo barrio para a cidade ben comunicado, con servizos, zonas verdes e de lecer”, indicou Allegue. A Xunta investirá 22 millóns de euros na urbanización deste ámbito.
As vivendas protexidas integraranse en bloques residenciais abertos e pechados con alturas gradadas entre 7 e 4 plantas, agás un número moi reducido de bloques con B+12. Con carácter complementario, contarase con usos terciarios (comerciais) e unha residencia xuvenil na zona central do ámbito.
O proxecto contempla a reserva de prazas de aparcamento, os espazos cualificados como sistema xeral de espazos libres e de equipamento comunitario, a plantación ou conservación de arboredo e equipamentos.
Estratexia galega de solo residencial
No marco da Estratexia galega de solo residencial, Rueda resaltou que “o Goberno galego ten en marcha doce proxectos de interese autonómico en once concellos: Vigo (2), Coruña, Santiago, Arteixo, Ourense, Pontevedra, Lugo, O Porriño, Marín, Ribadeo e Vilagarcía”.