Rueda anuncia que a Xunta compromete preto de 2.000 M€ en vivenda ata 2030, o que permitirá ampliar o parque público residencial a 10.000 inmobles

Destaca que o Consello aprobou o II Pacto de vivenda de Galicia, que favorecerá un impacto laboral de arredor de 60.000 postos de traballo

O 82,67% do investimento procederá de fondos propios da comunidade autónoma, que acadarán os 1.630 M€

A Xunta prevé 2.000 novas vivendas públicas nos vindeiros catro anos

A conselleira de Vivenda enmarca este Pacto na folla de ruta da Xunta que inclúe “construír, rehabilitar e desenvolver solo residencial”

 

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou o II Pacto de vivenda de Galicia, polo que o Executivo autonómico “vai investir preto de 2.000 millóns de euros” neste eido “entre 2026 a 2030”.

Tal e como explicou, a previsión é que estes fondos públicos destinados pola Xunta á vivenda permitan “mobilizar outros 5.000 millóns por parte de empresas e particulares e crear ou manter milleiros de postos de traballo -arredor de 60.000-”.

A meirande parte deste investimento procederá de fondos propios da comunidade autónoma, segundo explicou. Serán 1.630 millóns de euros, que supoñen o 82,67% do total. Os fondos estatais acadarán a cifra de 241 millóns e os europeos os 100 millóns de euros.

O novo Pacto de vivenda exemplifica a actuación política do Goberno galego en materia de vivenda, construído desde o consenso e a participación de todos os axentes implicados, para garantir e asegurar a eficacia na aplicación e efectividade das medidas adoptadas. “Temos unha folla de ruta clara que inclúe construír, rehabilitar e desenvolver solo”, indicou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

O II Pacto de vivenda de Galicia foi xestado no marco do Observatorio da vivenda de Galicia, no cal están representados todos os colectivos que teñen algún tipo de relación co sector: FEGAMP,  Federación de Promotores de Galicia, Federación Galega da Construción, a Unión Galega de Cooperativas de Vivenda, os consumidores, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Consello Galego de Arquitectura Técnica, Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia e Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria, así como a Xunta.

Rueda salientou que o novo Pacto de vivenda establece un novo compromiso en materia de vivenda de promoción pública. “Adquirimos o compromiso de que a comunidade chegue ás 10.000 vivendas públicas en 2030”, indicou. É dicir, a Xunta sumará 2.000 nova vivendas ás 8.000 que prevé que conformarán o parque público residencial no 2028.

Tal e como explicou a conselleira, este novo Pacto de vivenda de Galicia estrutúrase en catro liñas estratéxicas e tres anexos dedicado á vivenda e xuventude, estimacións económicas do Pacto e seguimento do 1º Pacto de vivenda de Galicia 2021-2025.

Liña estratéxica 1. Acceso á vivenda. Engloba a promoción pública de vivendas, a vivenda protexida de protección autonómica (promoción privada), o apoio aos parques municipais de vivenda e o impulso á vivenda sen protección, así como medidas para facilitar o acceso á vivenda tanto en alugamento como en compra.

Liña estratéxica 2. Rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas. Con programas dedicados á rehabilitación directa polo IGVS (Rexurbe, reparación de VPP e Consorcio do Casco Vello de Vigo), axudas a concellos (axudas de rehabilitación de vivendas de titularidade municipal, fondos de cooperación e infravivenda) e áreas Rexurbe. Tamén inclúe o fomento da rehabilitación polos particulares, cun programa de axudas a particulares e comunidades (eficiencia enerxética, conservación, seguridade, accesibilidade, comunidades de VPP e núcleos rurais) e outro de áreas de rehabilitación integral (municipais e supramunicipais).

Liña estratéxica 3. Solo residencial. Destinado a colaboración cos concellos para a cesión de solo residencial, desenvolvemento da estratexia de solo residencial e adxudicación de solo residencial

Liña estratéxica 4. Outras medidas en materia de vivenda e rehabilitación, como desenvolvemento normativo, impulso da construción industrializada, promoción da innovación e o uso da intelixencia artificial na construción, política fiscal e financeira en materia de vivenda, axilización de licencias e informes sectoriais etc.

Ademais, a conselleira resaltou que o novo Pacto inclúe un apartado con medidas específicas para facilitar o acceso á vivenda da mocidade como os aloxamentos compartidos ou a reserva de parte dos novos inmobles protexidos para este colectivo, tanto en réxime de compra como de alugueiro.

Balance 2021-2024

Nos catro primeiros anos do Pacto de vivenda de Galicia 2021-2025, púxose en execución o 97,8 por cento das medidas previstas nel e concedéronse 30.501 axudas por importe de 365.047.877 euros, ademais das actuacións directas realizadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.