Preto de 2.000 escolares de toda Galicia participan este ano no ‘Proxecto Terra’ , impulsado pola Xunta e o COAG

Allegue explicou que esta iniciativa se enmarca na colaboración da Xunta co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, mediante este proxecto que cumpre 25 anos

De xeito máis concreto, no programa “Eu son inspect@r urbanísti@. Coida do Territorio. Coida do teu”, participaron preto de 4.600 alumnos desde que botou a andar no ano 2019

Os alumnos de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato achéganse ao urbanismo e á paisaxe a través de actividades adaptadas e cada idade, talleres teatrais para os máis cativos e sesións teórico- prácticas para os maiores

A conselleira puxo en valor o traballo de concienciación da Xunta para “acadar unha Galicia máis sostible e consciente, na que todos, desde os máis pequenos ata os profesionais, somos responsables de coidar o territorio que nos rodea”

Vigo, 31 de xaneiro de 2025

Preto de 2.000 escolares de toda Galicia participan este ano no Proxecto Terra, impulsado pola Xunta e o COAG.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe a Escola de Educación Infantil Monte da Guía en Vigo, onde se desenvolve ao programa Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do Territorio. Coida do teu, que forma parte do citado proxecto.

Lembrou que esta iniciativa se enmarca na colaboración entre a Xunta -as Consellerías de Vivenda e de Educación- e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), a través do Proxecto Terra, que está a cumprir 25 anos.

No pasado mes de setembro renovouse esta colaboración cun investimento de 360.000€, dos que o Goberno galego financia o 90%, para seguir estendendo a divulgación do urbanismo.

Esta cooperación permite, entre outras actividades, achegar aos rapaces de toda Galicia o programa de “Eu son inspect@r urbanísti@”, cuxo obxectivo, tal como remarcou a conselleira, é  trasladar aos máis novos que cómpre preservar o patrimonio e os espazos naturais.

Nesta iniciativa, deseñada por persoal da Axencia da Protección da Legalidade Urbanística (APLU), xa participaron preto de 4.600 alumnos desde que botou a andar no ano 2019.

Os alumnos de todas as etapas educativas, Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato, achéganse ao urbanismo e á paisaxe a través de actividades adaptadas e cada idade.

Neste sentido, os rapaces de Educación Infantil e Primaria participan en talleres teatrais como o realizado hoxe en Vigo; e os alumnos de Secundaria e Bacharelato interactúan en sesións teórico-prácticas na aula, podendo incluso visitar a sede da APLU en Santiago.

A conselleira fixo fincapé no traballo da Xunta, neste caso de concienciación, para “acadar unha Galicia máis sostible e consciente, na que todos, desde os máis pequenos ata os profesionais, somos responsables de coidar o territorio que nos rodea.”