O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo pon a Galicia como comunidade exemplar na construción de vivenda pública con técnicas industrializadas
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2026
O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, destacou hoxe a Galicia como comunidade exemplar na construción de vivenda publica con técnicas industrializadas, no marco do na II edición do congreso Hábitat de Vanguardia: Os resultados construídos, organizado polo Clúster Hábitat Eficiente en Valladolid, impulsado pola comunidade autónoma de Castela e León.
Durante a súa intervención, García Porto puxo en valor as medidas que está a impulsar a Xunta de Galicia para incrementar a oferta de vivenda pública e avanzar na vertebración territorial, subliñando que o reto do acceso á vivenda require planificación, seguridade xurídica e a activación de todos os recursos dispoñibles no territorio.
O secretario xeral incidiu na necesidade de fortalecer a colaboración público-privada como ferramenta imprescindible para cumprir cos compromisos adquiridos coa cidadanía, destacando que a cooperación entre administracións, sector empresarial e entidades financeiras resulta clave para mobilizar solo, promover nova vivenda e xerar un impacto real e sostible.
Finalmente, defendeu que a innovación nas políticas de vivenda debe orientarse a optimizar os recursos propios de cada comunidade, creando espazos de diálogo estables que permitan compartir boas prácticas e avanzar cara a solucións eficaces e coordinadas.