O programa Fogar Vivo da Xunta concedeu 239 axudas a particulares en 2025, cun importe total de 1,4 M€ para mobilizar vivendas baleiras en alugueiro

Dende a súa publicación, en xullo de 2025, o Goberno galego recibiu máis de 400 solicitudes e concedeu 239 axudas, esgotando o crédito da subvención

Trátase de axudas de ata 16.000 euros para reformas e melloras compras de electrodomésticos ou para cubrir seguro de impago e multirrisco de fogar

O programa inclúe unha contía extra de 2.000 € se o propietario aluga a menores de 36 anos ou a familias con menores ou persoas dependentes ao seu cargo

Allegue anunciou que o prazo para a próxima convocatoria, que contará cun orzamento de 2,6M€, abrirá a finais do vindeiro mes de febreiro

Ferrol, 17 de xaneiro de 2026

A Xunta concedeu 239 axudas a través novo programa Fogar Vivo, que ten como finalidade mobilizar vivendas baleiras para incorporalas ao mercado de alugueiro, con rendas accesibles.  Así o confirmaba a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros,  nunha visita a un dos fogares renovados ao abeiro desta liña. O propietario recibiu 3.189 euros, o que supuxo o 80% do gasto,  para cambiar portas e solos, ademais de comprar electrodomésticos novos, tal e como destacou a filla da propietario.  A vivenda levaba baleira sete anos e trala súa adecuación, conta cun novo inquilino desde setembro e abona unha renda de 650€.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas agradeceu á familia propietaria a súa amabilidade e sinalou que o novo programa do Goberno galego, dotado dun orzamento de 1,4M€ en 2025, “foi un éxito” e “contribuíu  a recuperar vivendas baleiras para o mercado de alugueiro, con especial atención á mocidade”.  Tras o éxito do ano pasado, Allegue anunciou que a finais do vindeiro mes de febreiro abrirase o prazo de solicitudes da nova convocatoria, que contará cun orzamento superior, que alcanzará os 2,6M€

O  programa  Fogar Vivo contempla achegas de ata 16.000 euros por vivenda, 11.000 para rehabilitación e mellora da vivenda, incluíndo os gastos para renovar electrodomésticos como a lavadora, o lavavaixelas, o forno, a nevera, a campá extratora, a cociña e os sanitarios. Ademais, se a vivenda se aluga a menores de 36 anos, persoas con fillos menores a cargo ou unidades familiares con persoas dependentes, os solicitantes podían optar a un incentivo adicional de 2.000 euros, sempre que se obtivera a axuda de rehabilitación é mellora da vivenda.

Por último a liña de achegas inclúe, independentemente de que fagan reformas, 3.000€ para un seguro de impago e/ou multirisco co obxectivo de dar máis seguridade aos propietarios.

A conselleira animou a todos os propietarios de vivendas baleiras a que soliciten esta axuda do Fogar Vivo, “unha axuda para o propietario e, por suposto, unha axuda para as persoas que estàn buscando casa. Por tanto, é programa que beneficia a todos”