O Fondo de cooperación da Xunta facilita ao concello de Cerdedo-Cotobade a rehabilitación de dous inmobles para destinalos a vivendas en alugueiro accesible

Trátase da concesión dun préstamo de arredor de 75.000€, sen xuros, do Fondo de Cooperación da Xunta para a rehabilitación de patrimonio construído, dirixido a municipios de menos de 50.000 habitantes

Ao abeiro deste programa, o Concello de Cerdedo-Cotobade adquirirá dous inmobles no núcleo de Parada, co fin de acondicionalos para transformalos en vivendas en réxime de alugueiro

No marco desta iniciativa autonómica, o Concello tamén poderá desenvolver o proxecto básico e de execución para un chiringuito na zona de Pozas

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2026

A Xunta colabora co Concello de Cerdedo-Cotabade na rehabilitación de dous inmobles que se destinarán a vivendas en alugueiro accesible. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, vén de asinar co alcalde, Jorge Cubela, os convenios para o financiamento destas actuacións a través da concesión dun préstamo de arredor de 75.000€, sen xuros, do Fondo de Cooperación da Xunta para rehabilitación de patrimonio construído, dirixido a municipios de menos de 50.000 habitantes.

Ao abeiro destes acordos, o Concello de Cerdedo-Cotobade adquirirá dous inmobles no núcleo de Parada, co fin de acondicionalos para transformalos en vivendas en réxime de alugueiro.

Con estas actuacións acadaranse a recuperación do patrimonio e o incremento da oferta pública residencial deste concello, co obxectivo tamén de fixar poboación e de poñer en valor o citado núcleo.

Ademais, tamén no marco deste programa autonómico, a conselleira e o rexedor asinaron outro convenio mediante o que o Concello poderá desenvolver o proxecto básico e de execución para un chiringuito na zona de Pozas.

O Fondo de Cooperación da Xunta está destinado a financiar actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, e dotado na actual convocatoria con algo máis de 3M€. Trátase de préstamos sen xuros que os concellos poden devolver no prazo máximo de 8 anos.