O DOG publica a ampliación en 1,4M€ do crédito do fondo de cooperación da Xunta cos concellos de menos de 50.000 habitantes para rehabilitación do patrimonio construído

A ampliación non implica a modificación do prazo de solicitudes, que finaliza o vindeiro 15 de outubro

A través deste fondo, a Xunta colabora cos concellos no financiamento de obras de rehabilitación en municipios de menos de 50.000 habitantes con préstamos sen xuros que os concellos poden devolver en 8 anos

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a ampliación en 1,4M€ do crédito do Fondo de Cooperación da Xunta cos concellos de menos de 50.000 habitantes para actuacións de  rehabilitación do patrimonio construído. Esta ampliación, non implica a modificación do prazo de solicitudes, que finaliza o vindeiro 15 de outubro.

Este fondo ten como obxectivo financiar obras de rehabilitación en municipios de menos de 50.000 habitantes. Trátase de préstamos sen xuros que os concellos poden devolver no prazo máximo de 8 anos.

O fondo estaba dotado este ano cun orzamento de 3M€, e a Xunta amplíao agora nos 1,4M€ tendo en conta que o número de solicitudes presentadas ata agora e susceptibles de obter o acceso ao Fondo de cooperación supera o importe do crédito orzamentario previsto inicialmente. A ampliación da dotación asúmese cos importes dispoñibles das reposicións dos concellos que tiveron acceso a este fondo en anteriores convocatorias.

Con cargo a este financiamento, os municipios poden acometer obras de conservación de inmobles da súa titularidade, adquirir outros novos para recuperalos ou mesmo urbanizar novos viarios previstos no planeamento municipal.

Esta iniciativa permite axudar aos concellos a levar a cabo a mellora de equipamentos municipais, contribuíndo a mellorar a calidade de vida da cidadanía.