O Consorcio Casco Vello pon en marcha a recuperación de catro parcelas na rúa Alta para crear un único edifico con cinco novas vivendas de protección autonómica

A delegada territorial da Xunta e presidenta do organismo autónomo, Ana Ortiz, salienta a nova promoción para dotar á cidade de vivenda

O CCVV acorda a licitación dos números 8, 10, 12 e 14 da rúa Alta cun orzamento base de 1,75 millóns de euros

O prazo de execución da obra será de 12 meses para construír dúas vivendas dúplex e outras tres de dous dormitorios

Vigo, 5 de xaneiro de 2026

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello (CCVV), Ana Ortiz, destacou este luns a posta en marcha dunha nova actuación que permitirá recuperar catro parcelas do barrio histórico e dotar á cidade con nova vivenda de protección autonómica.

A representante autonómica informou da aprobación no último comité executivo do CCVV da licitación da súa próxima promoción Alta 8-10-12-14, que supoñerá a creación de cinco novas vivendas. “Abrimos o ano 2026 cunhas perspectivas inmellorables e poñemos en marcha a recuperación dunha zona de alto valor urbanístico para seguir dotando á cidadanía de nova vivenda”, sinalou.

Ortiz engadiu que o proxecto, elaborado polo arquitecto Javier Vázquez Fernández, conta cun orzamento base de licitación de 1.570.754,76€. Así, as vivendas resultantes desta intervención destinaranse á venda baixo a cualificación, como todas as promovidas polo CCVV, de Vivendas de Protección Autonómica (VPA) de prezo concertado.

Construiranse sobre a agrupación de catro solares adquiridos polo CCVV en decembro de 2021, e supoñerán a primeira intervención do Consorcio nesta rúa, moi próxima á Porta do Sol e rúa Elduayen. De acordo coa ficha técnica da promoción, o edificio resultante contará con cinco vivendas, dúas dúplex, distribuídas en catro plantas.

A primeira delas, a única con dous dormitorios xa que todas as demais terán tres, ocupará a planta baixa e terá unha superficie aproximada de 90 metros cadrados. As plantas primeira e segunda acollerán cada unha delas unha vivenda de 113 metros cadrados, en tanto que na terceira crearanse dúas residencias, unha de 93 e outra de 70 metros cadrados. Todas elas contarán con rocho.