O Consorcio Casco Vello aproba o seu novo plan de investimentos con 1,6 millóns de euros para rehabilitar seis edificios no barrio histórico de Vigo

A delegada territorial da Xunta e presidenta do organismo autónomo, Ana Ortiz, presidiu o consello de administración

O novo PAIF, que se prevé ampliar por riba dos 3 M€ coa incorporación de remanentes, inclúe a recuperación de tres inmobles do Berbés

Neste último trimestre de 2024 estase culminando co proceso de adxudicación das vivendas de Elduayen 31 e Subida ao Castelo 9

Vigo, 12 de setembro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ana Ortiz, presidiu este xoves o consello de administración do organismo autónomo no que se aprobou o novo Plan de Actuacións, Investimentos e Financiamento (PAIF) de 2025 cunha inversión directa de 1,6 millóns de euros. O documento que marca a estratexia de rehabilitación do barrio histórico e a construción de vivendas de protección autonómica recibiu o visto e prace na reunión celebrada na sede administrativa do CCVV.

Ana Ortiz destacou o “consenso” dos membros do consello para sacar adiante a planificación que “dará un novo impulso” aos traballos de recuperación do Casco Vello. “Seguiremos adiante para cumprir cunha das prioridades da Xunta, que non é outra que facilitar o acceso á vivenda de protección aos vigueses”, sinalou a representante autonómica.

Así, o CCCV, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo, avanzará en 2025 coas obras de rehabilitación dos edificios da rúa Elduayen 39-Ferrería 16 (cinco vivendas de protección autonómica e un local comercial), da rúa Hortas 2-4-San Sebastián 20 (dúas vivendas) e do inmoble da Ribeira do Berbés 39-San Francisco 2 (dúas vivendas). Ás anteriores 9 vivendas sumaranse outras cinco co remate das obras, que comezarán ao longo do ano que ven, da rehabilitación prevista no inmoble da rúa Alta 8-14.

A representante autonómica tamén lembrou que ao longo do próximo ano está previsto que se desenvolva o proceso de licitación dos proxectos e obtención de autorizacións administrativas para a rehabilitación doutros dous inmobles que se atopan no histórico barrio do Berbés (números 7 e 27). Para atender a estas actuacións, o Consorcio Casco Vello programa adicar un investimento directo que supera os 1,6 M€ e que se prevé ampliar por riba dos 3 M€ coa incorporación de remanentes.

Por último, a delegada da Xunta destacou que neste último trimestre de 2024 estase culminando co proceso de adxudicación das vivendas dos últimos dous edificios que foron obxecto de rehabilitación e que remataron as súas respectivas obras recentemente. Trátase dos edificios da rúa Elduayen 31 (seis vivendas) e da rúa Subida ao Castelo 9 (dúas vivendas).