O Concello do Pino incorpórase ao programa da Xunta para mobilizar solos de titularidade municipal para a construción de vivenda protexida no Pedrouzo

A Xunta pon a disposición do Concello esta ferramenta que lle outorga apoio técnico para ofertar, mediante concurso público, unha parcela da súa titularidade no Pedrouzo, para a construción de ata 9 vivendas protexidas

O obxectivo do programa é axilizar a construción de vivenda protexida en solos de titularidade municipal, tanto en réxime de venda como en alugueiro

O acordo de hoxe súmase aos asinados con outros concellos como Ordes, As Pontes de García Rodríguez, A Arnoia, Friol, Valdoviño ou O Valadouro

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral técnico da consellería, Yago Borrajo, asinou hoxe co alcalde do Pino, Manuel Taboada, o convenio enmarcado no Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida neste municipio.

A través deste convenio, a Xunta pon a disposición do Concello do Pino esta nova ferramenta que lle outorga apoio técnico para ofertar, mediante concurso público, unha parcela da súa titularidade, situada no Pedrouzo, para a construción de ata 9 vivendas protexidas.

O convenio hoxe firmado permitirá á Xunta sacar a concurso público en réxime de libre concorrencia esta parcela de titularidade municipal para a construción de fogares protexidos que poderían ser tanto en réxime de alugueiro como de venda. Ademais, deste xeito, facilitarase a información aos promotores, cooperativas e á cidadanía, en xeral, sobre os solos dispoñibles.

O Goberno galego, a través do IGVS, tamén se encargará da redacción dos pregos de bases, os anuncios de licitación, a mesa de contratación e a valoración técnica das ofertas, de maneira que o Concello só terá que ditar a resolución de adxudicación, ademais de participar na mesa de contratación.

Cómpre lembrar que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) é titular doutra parcela contigua no Pedrouzo, prevendo incluíla nun concurso de adxudicación de solo.

O acordo de hoxe súmase aos doutros concellos como Ordes, As Pontes de García Rodríguez, A Arnoia, Friol, Valdoviño ou O Valadouro.

A Xunta está a manter contacto con outros municipios interesados en adherirse a este programa cuxo prazo para incorporarse permanecerá aberto indefinidamente.