O concello de Santa Comba adhírese ao programa da Xunta para mobilizar solos de titularidade municipal para a construción de 6 vivendas protexidas

A través deste acordo, a Xunta pon a disposición do Concello esta nova ferramenta que lle outorga apoio técnico para ofertar, mediante concurso público, unha parcela na rúa Alcalde Pereira, para a construción dun edificio de baixo máis tres plantas

O obxectivo da iniciativa é axilizar a construción de vivenda protexida en solos de titularidade municipal, tanto en réxime de venda como en alugueiro

Este convenio súmase a outros xa rubricados cos concellos das Pontes, A Arnoia, Friol, Valdoviño, O Valadouro, Ordes, A Peroxa, O Pino e Verín

Este novo programa está a suscitar o interese de máis administracións locais, coas que a Xunta xa se están a manter contactos

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2026

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, asinou esta tarde co alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, o convenio enmarcado no Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida neste municipio.

A través deste convenio, a Xunta pon a disposición do Concello de Santa Comba esta nova ferramenta que lle outorga apoio técnico para ofertar, mediante concurso público, unha parcela de 159 m², situada na rúa Alcalde Pereira, para a construción dun edificio de baixo máis tres plantas, con arredor de 6 vivendas.

Seguindo o marco do acordo asinado hoxe, a Xunta sacará a concurso público en réxime de libre concorrencia esta parcela de titularidade municipal para a construción de fogares protexidos que poderían ser tanto en réxime de alugueiro como de venda. Ademais, deste xeito, facilitarase a información aos promotores, cooperativas e á cidadanía, en xeral, sobre os solos dispoñibles.

O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) tamén se encargará da publicación do solo dispoñible, a redacción dos pregos de bases, os anuncios de licitación, a mesa de contratación e a valoración técnica das ofertas, de maneira que os concellos unicamente terán que remitir a información sobre as parcelas a adxudicar e ditar a resolución de adxudicación, ademais de participar na mesa de contratación.

O Goberno galego segue sumando colaboración con máis concellos, tras os rubricados cos municipios das Pontes, A Arnoia, Friol, Valdoviño, O Valadouro, Ordes e Verín.

Este novo programa do departamento que dirixe está a suscitar o interese de máis administracións locais, coas que a Xunta xa se están a manter contactos, e a conselleira recordou que o prazo par adherirse a este programa permanecerá aberto indefinidamente.