Martínez Allegue reivindica ante o sector, en Madrid, as medidas da Xunta para incrementar a oferta de vivenda pública e avanzar nos principais eixos da vertebración territorial en Galicia
Destaca a necesidade da colaboración público-privada para abordar os compromisos co acceso da cidadanía á vivenda e o desenvolvemento das infraestruturas viarias
Subliña que o esforzo da Xunta está referendado nos Orzamentos do 2025 e pon en valor a recente creación da Sociedade Pública de Vivenda de Galicia, que asumirá parte da construción de vivenda pública
Pon de manifesto os avances que nestes últimos sete meses ten avanzado o Goberno da Xunta, e indicou que xa están en marcha 1.600 vivendas de promoción pública na Coruña, Vigo, Ferrol, Santiago, Narón, Lugo, Ourense, Pontevedra e Mos
Enxalza as medidas normativas, fiscais e excepcionais incluídas na lei de acompañamento dos Orzamentos que permitirán “desburocratizar” a tramitación para a construción de vivenda
Madrid, 21 de novembro de 2024
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, reivindicou hoxe en Madrid as políticas de vivenda e infraestruturas da Xunta nun acto ante representantes das principais organizacións da construción e arquitectura a nivel nacional, que se desenvolveu na Casa de Galicia e no que estivo acompañada polo secretario xeral de Vivenda de Urbanismo, Heriberto García Porto.
Ao acto asistiron representantes dunha vintena de colectivos, entre eles Seopan (Asociación de Empresas Construtoras e Concesionarios de Infraestruturas), ACEX (Asociación de Empresas de Conservación e Explotación de Infraestruturas), Cepco (Confederación Española de Asociacións de Fabricantes de Produtos de Construción, a Asociación de Empresarios Galegos en Madrid, a Confederación Nacional da Construción, o Colexio Oficial de Arquitectos, Colexio de Enxeñeiros de Camiños de Madrid, a Asociación de Promotores e Construtores de Cantabria, ou a Cámara de Contratistas de Castela e León.
“Estamos a construír xa a Galicia do futuro: máis humana, na que o acceso á vivenda digna e a un prezo accesible non sexa un problema, e unha Galicia mellor conectada -sinalou-. O compromiso da Xunta é firme”. Reto que se referenda no orzamento da Consellería para o 2025, cunha dotación de 513M€ aínda que, como subliñou M. Allegue, precisa da “colaboración público-privada” para acadalo.
A conselleira destacou os avances que nestes últimos sete meses ten avanzado o Goberno da Xunta para cumprir os grandes retos na vivenda para esta lexislatura, como son duplicar o parque público residencial, o que supón construír 4.000 vivendas, así como desenvolver solo para posibilitar a construción doutras 25.000 vivendas, 20.000 protexidas e 5.000 libres.
Neste senso, apuntou que están en marcha 1.600 vivendas de promoción pública na Coruña, Vigo, Ferrol, Santiago, Narón, Lugo, Ourense, Pontevedra e Mos e a Xunta vén de crear a Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, que asumirá a construción de parte da vivenda pública prevista.
Así mesmo, xa está en marcha a primeira fase da Estratexia Galega de Solo Residencial, que busca a consecución de 3,3 millóns de metros cadrados de solo para a construción de vivenda de promoción pública e de promoción autonómica.
Ademais, citou as medidas normativas, fiscais e excepcionais incluídas na lei de acompañamento dos Orzamentos que permitirán “desburocratizar” a tramitación para a construción de vivenda, como é o caso das melloras introducidas para axilizar a tramitación dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA) destinados á planificación e proxección de actuacións de creación de solo residencial, a regulación da execución simultánea das obras de urbanización e edificación ou a simplificación dos requisitos para converter baixos en vivendas.
Tamén fixo un repaso polas actuacións dirixidas a facilitar o acceso á vivenda aos mozos, como a construción de aloxamentos temporais para alugueiro, así como a reserva del 40% das vivendas públicas en alugueiro para menores de 36 anos e do 25% das que se poñan á venda, as axudas para a compra de vivenda en municipios de menos de 20.000 habitantes e o Aval mozo.
Infraestruturas
No eido das infraestruturas, M. Allegue lembrou os esforzos da Xunta para incrementar en 220 os quilómetros de vías de altas prestacións desde 2009, o que permite que o 85% dos galegos se atope a menos de 15 minutos deste tipo de viarios e o investimento para eliminar treitos de concentración de accidentes e para a conservación e mellora da rede viaria autonómica: “son estradas verdes, seguras e eficientes”.
Indicou que a Xunta vén de incrementar a sostibilidade económica na xestión das estradas co rescate de catro autovías: O Salnés, Ourense-Celanova, Santiago-Brión e O Barbanza, o que aforrará 330 M€ ata 2040. E citou ademais o recoñecemento á rede de sendas peonís e ciclistas nas estradas da Xunta, recentemente galardoada nos premios europeos á excelencia na seguridade viaria
A conselleira rematou facendo un chamamento ao sector, co que destacou que en Galicia está a manter encontros constantes a través de foros, xornadas “e coa escoita activa e o intercambio de experiencias”. Neste senso, recordou tamén a aposta que está a facer o Goberno autonómico pola incorporación de técnicas industrializadas e pola incorporación de materiais máis sostibles na construción, como a madeira.