María Martínez Allegue visita en Arteixo a empresa Aluman, referente no uso de técnicas industrializadas, polas que aposta a Xunta na construción de vivenda pública
Detallou que o Goberno galego está a aplicar este método no impulso de case 500 vivendas públicas, por exemplo nun edificio en Xuxán, na Coruña; ou noutro en Mos; permitindo axilizar os traballos e realizar xa os sorteos dos fogares
Referiuse tamén a 3 edificios en Navia, en Vigo, para preto de 100 vivendas públicas, nos que xa se primaron as técnicas industrializadas na licitación das obras
Remarcou que a industrialización permite reducir tempos de execución, evitar atrasos, diversificar o uso de materiais e paliar a falta de man de obra cualificada
Arteixo (A Coruña), 22 de xaneiro de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou en Arteixo as instalacións da empresa Aluman, referente no uso das técnicas industrializadas, polas que está a apostar a Xunta na construción de vivenda pública. Allegue puxo en valor o traballo desta firma, con proxectos tanto nacionais como internacionais.
Salientou que a Xunta está a aplicar este novo método de edificación en case 500 vivendas públicas. Detallou que se empregaron nun edificio de 40 vivendas públicas en Xuxán, na Coruña, onde este mecanismo permitiu axilizar os traballos e poder realizar o sorteo de adxudicación xa a semana pasada. Tamén citou o edificio de 20 vivendas en Mos, que se rematará este ano grazas á redución de prazos que garanten as técnicas industrializadas.
Referiuse tamén a 3 edificios en Navia, en Vigo, para preto de 100 vivendas públicas, nos que xa se primaron as técnicas industrializadas na licitación das obras.
Destacou outros proxectos que se executarán este ano en Vigo e Ferrol, nos que se contemplan técnicas industrializadas como solucións para a redución dos tempos de construción. Concretou que se trata dun inmoble en Ferrol, para 75 vivendas públicas; e outros 3 inmobles en Navia.
Remarcou que a Xunta está traballando en pregos que priman estas técnicas, puntuando as mellores ofertas para a industrialización da estrutura, a fachada, os ocos do ascensor, módulos para as escaleiras ou a industrialización das instalacións do edificio como os baños ou as cociñas.
Lembrou que a Xunta firmou un convenio co Clúster da Construción e xa está a traballar, entre outros, no ‘Mapa de capacidades de técnicas industrializadas’, a piques de rematar e que amosará o potencial de empresas como Aluman neste ámbito.
Concluíu remarcando a importancia de impulsar estas técnicas, xa que permitirán reducir tempos de execución, evitar atrasos, diversificar o uso de materiais como a madeira galega e paliar a falta de man de obra cualificada.