María M. Allegue avanza que as 24 vivendas de promoción pública no Castiñeiriño, no concello de Santiago, estarán rematadas este ano

De xeito inmediato ao remate das obras, abordarase a adxudicación aos beneficiarios entre persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda

Os outros dous edificios cun total de 36 vpp que a Xunta constrúe en Lamas de Abade estarán finalizados no primeiro semestre do 2026

Nestas tres promocións invístese un orzamento de 13M€ e, unha vez finalizadas, reservaranse ao menos un 40% para alugueiro entre menores de 36 anos

A conselleira lembrou que en Santiago tamén se construirá o primeiro edificio de aloxamentos compartidos na rúa Xoán XXIII, para cuxo proxecto se recibiron 23 ofertas

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas pediu axilidade ao Concello de Santiago para a cesión de solos onde seguir proxectando máis vivenda pública

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2025

A  conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, anunciou hoxe que as 24 vivendas de promoción pública que a Xunta constrúe no Castiñeiriño, en Santiago, estarán rematadas neste 2025 e de xeito inmediato á súa finalización se procederá á súa adxudicación entre persoas inscritas no Rexistro de demandantes de vivenda. Allegue supervisou hoxe as obras xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto.

Ademais desta promoción no Castiñeiriño, a Xunta constrúe outros dous edificios de 24 e 12 vivendas en Lamas de Abade, que se prevé que estean rematados no primeiro semestre do 2026. En total, no conxunto dos inmobles invístense preto de 13M€, dos que un 77% son fondos propios da Xunta e o resto finánciase con fondos europeos. Destes fogares reservaranse para menores de 36 anos polo menos un 40% das vivendas para alugueiro.

A conselleira destacou o esforzo e traballo das empresas construtoras, así como a colaboración do Concello de Santiago en materia de vivenda. Neste senso, pediu axilidade para a cesión de solos por parte da Administración local para seguir a proxectar máis vivenda pública. “Gustaríanos poder sumar máis fogares en Santiago-engadiu-. Temos a man tendida para acadar un acordo que nos permita avanzar”.

A estas 60 vivendas en construción no Castiñeiriño e Lamas de Abade, hai que engadir o primeiro inmoble de aloxamentos compartidos para menores de 36 anos, con 60 vivendas, que construirá a Xunta na rúa Xoán XXIII. A redacción do proxecto, para a que se recibiron 23 ofertas, adxudicarase “o antes posible”.

“Son vivendas que terán como destinatarios a xente moza, para que de forma transitoria, poidan establecerse nun espazo adaptado ás súas necesidades -explicou-. Esta é unha solución novidosa en España, que agardo que sexa exemplo para outras zonas”.

Por outra banda, citou que no marco da Estratexia Galega de Solo Residencial, a Xunta recibiu 4 ofertas para a redacción do Proxecto de Interese Autonómico no ámbito de Mallou, no norte da cidade, onde se proxectan unhas 3.460 vivendas. Prevese adxudicar o antes posible.