M. Allegue solicita ao Goberno central que desvele a dirección das vivendas protexidas que dí que entregou en Galicia e pide que deixe de vender fume

Allegue considera preocupante que o Goberno central frivolice presumindo de ter entregado 100.000 vivendas das 180.000 prometidas, multiplicando “as cifras como os pans e os peixes”, cando en Galicia a realidade é clara: “cero vivendas entregadas”

Incide no traballo da Xunta, que en ano e medio ten xa en marcha o 73% dos fogares comprometidos nesta lexislatura, e o obxectivo de entregarse xa as primeiras en 2026

Precisa que das 2.985 vivendas públicas en marcha en Galicia, 2.134 se financian integramente con fondos da Xunta, e só 851 contan con achegas MRR; e nestes casos, aínda coa aportación europea, o 80% son fondos autonómicos e cero euros do Estado

Reitera a advertencia no atraso do Estado na aprobación do novo Plan Estatal de Vivenda 2026-2030, que pon en risco a execución dos programas e pode impedir que as comunidades autónomas convoquen as axudas no primeiro semestre de 2026

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, contrapuxo hoxe a política do Goberno de Sánchez que xoga ao despiste coa vivenda, coa dunha Xunta que cumpre e impulsa preto de 3.000 fogares públicos reais. A titular autonómica pediu esta mañá no Parlamento de Galicia máis rigor e transparencia ao Goberno central na xestión das políticas de vivenda, que lonxe de actuar con eficacia ante o problema da vivenda, “se dedica a facer anuncios que son fume e a falsear información”.

Durante a súa intervención, Allegue dirixiu unha pregunta clara ao Goberno central, “queremos saber en que rúas, en que concellos se entregaron estas vivendas,  con que licitación, con que adxudicatarios”. A realidade é clara: en Galicia, o número de vivendas entregadas polo Goberno de Sánchez é “cero, cero vivendas entregadas”.

A conselleira considerou preocupante que o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana asegure ter entregado 100.000 vivendas das 180.000 prometidas polo presidente Sánchez, cando en Galicia non se ten constancia de ningunha. Criticou que o Executivo de Pedro Sánchez frivolice con algo tan serio como vivenda, e denunciou que o Goberno central “multiplica as cifras como os pans e os peixes, sendo expertos en encadear anuncios para xerar confusión: Primeiro 113.000 vivendas, despois 183.000, logo 213.000....”

A Xunta lidera o investimento en vivenda pública

En contraste, M. Allegue defendeu o traballo da Xunta, que cumpre co seu compromiso de lexislatura e xa ten preto de 3.000 vivendas públicas en marcha, o 73% das comprometidas, en apenas ano e medio de lexislatura.

Sinalou que as primeiras vivendas entregaranse en 2026 e toda a información dos procedementos, licitacións, importes e empresas adxudicatarias, e pública, transparente e accesible na Plataforma de Contratos de Galicia. Aquí, M. Allegue tamén advertiu que o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana recorre moito a esta Plataforma para contar e apropiarse de actuacións desenvolvidas pola Xunta con fondos europeos MRR, “nun exercicio de dubidosa deontoloxía”.

Á Xunta se lle saen as contas, “non hai milagres” senón hai feitos, licitacións e prazos cumpridos, engadiu Allegue. Así, na súa réplica defendeu con datos o esforzo orzamentario do Goberno galego coas actuacións que están a desenvolverse a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e da Sociedade Pública de Vivenda de Galicia (Vipugal), posta en marcha a principios de 2025. Estes proxectos esténdense por todo o territorio galego, con vivendas na provincia da Coruña —na propia cidade, en Santiago, Ferrol, Narón e Teo—; en Lugo; e na provincia de Pontevedra —en Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Mos, A Estrada e Lalín—; como tamén na provincia de Ourense, na cidade e en San Cibrao das Viñas.

Compromiso claro e real coa vivenda pública

Precisou que, do total das 2.985 vivendas públicas en marcha, 2.134 se financian integramente con fondos propios da Xunta, e só 851 vivendas contan con achegas MRR. E nestes casos, aínda coa aportación europea, o 80% do investimento finánciase con fondos exclusivamente autonómicos, e con cero euros do Estado.

A conselleira fixo fincapé en como Galicia redobrará os seus esforzos en 2026, cun orzamento consolidado do IGVS que acada os 269,6 M€, un 22% máis que en 2025, mentres que a nova Sociedade Vipugal disporá de 77,8 M€ e o Consorcio do Casco Vello de Vigo, de 2,7M€

Puxo acento que en 2026 a Xunta destinará 350 M€ a políticas de vivenda, dos cales 163M€ serán para construción de vivenda pública (+63% respecto do 2025) e 18M€ para desenvolver solo. De todo o orzamento consolidado do IGVS de 269M€, un total de 168M€ corresponden a fondos propios, precisou.

M. Allegue contrapuxo o crecente esforzo do Goberno autonómico fronte o mínimo compromiso coas políticas de vivenda do Estado. Aquí a conselleira reiterou a advertencia no atraso do Estado na aprobación do novo Plan Estatal de Vivenda 2026-2030, que pon en risco a execución dos programas e pode impedir que as comunidades autónomas convoquen as axudas no primeiro semestre de 2026.

Aínda así, concluíu reiterando o compromiso da Xunta de cofinanciar o novo plan cun 40%, o que suporá 399 M€ en cinco anos, multiplicando por cinco a achega actual.