M. Allegue reivindica o traballo da Xunta en materia de vivenda pública no acto da primeira pedra da ampliación de Navia, en Vigo
O edificio que vén de iniciarse en Navia, de 40 vpp e catro plantas de altura, sitúase no Polígono 1, cuxas obras de urbanización están a executarse e onde hai outros catro inmobles cun total de 123 vpp pendentes de licencia para o inicio das obras
En Navia están en marcha en diferentes fases de tramitación 755 vpp: as 359 previstas no Polígono 1, e no Polígono 2 están en fase de licitación de proxectos ou pendentes de licitar as outras 396 vpp
A conselleira puxo tamén en valor as rehabilitacións do Casco Vello, con 89 inmobles rehabilitados que permitiron crear 130 vivendas
M. Allegue subliña que a Xunta rematará o ano 2024 con máis de 1.600 vpp en marcha en oito meses de lexislatura, case a metade en Navia, “un récord de vivendas públicas en execución en tan pouco espazo de tempo: Nunca se fixo tanto en tan pouco tempo”
Reitera que “o compromiso do Goberno galego co acceso a unha vivenda digna permanece inalterable” e remarca a necesaria colaboración co resto das administracións e o sector privado para cumprir este reto
A conselleira citou que a Xunta triplica no 2025 os orzamentos dedicados a vivenda, que suman un total de 240M€ e puxo en marcha modificacións normativas que van permitir reducir prazos dos trámites a través dos PIA, axilizar a conversión de baixos en vivendas ou poñer fin aos “esqueletos” de edificios
Lembrou as liñas de axudas, especialmente as dedicadas aos mozos, entre as que se inclúen as dirixidas a menores de 36 anos para compra de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes, que acaban de incrementarse, ou o aval mozo
Vigo, 17 de decembro de 2024
A Xunta pon hoxe a primeira pedra da ampliación do barrio de San Paio de Navia, en Vigo, co inicio da construción dun inmoble de 40 vivendas de promoción pública no Polígono 1. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, fixo balance hoxe das actuacións previstas en Navia e reivindicou o traballo da Xunta en vivenda, sinalando que a Administración autonómica vai rematar este 2024 con máis de 1.600 vpp en marcha en Galicia, case a metade en Navia, “un récord de vivendas públicas en execución en tan pouco espazo de tempo, oito meses: Nunca se fixo tanto en tan pouco tempo”.
M. Allegue destacou que este primeiro edificio que se constrúe no Polígono 1, no que se investirán ao redor de 8M€ e que conta con 4 plantas de altura, ten un prazo de execución de ano e medio.
Son, como citou, un total de 755 vivendas de promoción pública as que a Xunta ten en marcha, en diferentes fases de tramitación e execución, en Navia, das que 359 están neste Polígono 1. Así, ademais do inmoble de 40 vivendas que se inicia, están adxudicadas as obras de outras catro promocións, pendentes de licencia, en concreto dous edificios de 18 vivendas cada un, outro de 41 e un de 46 vpp. Por outra banda, están licitadas as obras de outras cinco promocións: un edificio de 19 vpp, 2 de 38 cada un, outro de 37 e un máis de 21 vpp. E está licitada a redacción do proxecto dun edificio de 43 vivendas públicas. Dentro deste total de 359 vivendas, encádranse 115 que se construirán mediante técnicas industrializadas. Neste Polígono 1 están tamén en execución as obras de urbanización.
No que atinxe ao Polígono 2, cuxas obras de urbanización están a licitación, cun investimento de 16,3M€, está licitada a redacción de proxectos para 178 vpp nunha parcela, así como os das outras promocións de 18, 33, 24 e 44. E, por último, están pendentes de licitación outras tres promocións con 55, 20 e 24 vivendas públicas. Suman, polo tanto, 396 vpp.
Por outra banda, o Polígono 3, no que se prevén 147 vivendas, entregouse ao Concello o proxecto de urbanización.
Ademais da construción de vivenda pública, en Vigo a Xunta está a desenvolver solo para facilitar a construción de vivenda no ámbito do Ofimático, no marco da Estratexia Galega de Solo Residencial. Acaba de saír a licitación a redacción do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para desenvolver solo que permita a construción de 2.300 vivendas e, como avanzou M. Allegue, “temos sobre a mesa o estudo de ao menos outros catro ámbitos”. Neste senso, estímase que a área urbana de Vigo contará con máis de 9.000 vivendas, o 80% protexidas.
A conselleira puxo tamén en valor as rehabilitacións do Casco Vello, con 89 inmobles rehabilitados que permitiron crear 130 vivendas. “Hai moito feito, pero hai que seguir traballando -subliñou-. Reivindico o traballo feito ata agora pola Xunta, e ao mesmo tempo, comprometémonos a seguir construíndo e a seguir rehabilitando”.
Políticas de vivenda
M. Allegue quixo destacar a este respecto o “compromiso inalterable” da Xunta en materia de vivenda. E, neste senso, apuntou que nos oito meses de lexislatura o Goberno galego xa iniciou proxectos para construír vivendas públicas nas grandes cidades. Ademais de Navia en Vigo, tamén se executan en Santiago (Castiñeiriño e Lamas de Abade), A Coruña (Xuxán) Lugo (Garabolos e Tinería), Ferrol (Bertón), Ourense (Cambedo de Raia) e Pontevedra (Valdecorvos).
Son, en total, máis de 1.600 as vivendas de promoción pública en marcha, dentro do obxectivo de duplicar o parque público residencial para pasar das actuais 4.000 ás 8.000 vivendas. Ademais, a Administración autonómica está inmersa na primeira fase da Estratexia de Solo Residencial, co obxectivo de facilitar solo para a construción de 25.000 vivendas, 20.000 delas protexidas. Está en trámite de licitación por 2,6M€ a redacción dos PIAS con proxectos que facilitarán a construción de máis de 15.000 vivendas en Vigo, Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra, Ourense e Arteixo. “Imos polo bo camiño e imos conseguilo”, recalcou.
E a conselleira tamén lembrou que está xa a pleno funcionamento a Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, que asumirá a construción de 2.350 vivendas de promoción pública ata 2028.
A conselleira citou que a Xunta triplica no 2025 os orzamentos dedicados a vivenda, que suman un total de 240M€, e puxo en marcha modificacións normativas que van permitir reducir prazos dos trámites a través dos PIA, axilizar a conversión de baixos en vivendas ou poñer fin aos “esqueletos” de edificios. A isto únense as liñas de axudas, especialmente as dedicadas aos mozos, entre as que se inclúen as dirixidas a menores de 36 anos para compra en concellos de menos de 10.000 habitantes, que acaban de incrementarse, ou o aval mozo; así como as achegas a promotores, entre outras. E tamén a aposta polas rehabilitacións en centros históricos para posteriormente ofrecer estas vivendas en alugueiro accesible.
“A vivenda é unha das principais preocupacións da cidadanía -lembrou- e hai que actuar. E nós estamos a actuar coma unha administración responsable, actuando e tomando decisións de moito calado”.
Colaboración
M. Allegue quixo destacar que para acadar estes retos en vivenda é fundamental a colaboración doutras administracións e a cooperación co sector privado. Neste senso, animou de xeito especial aos concellos a “que fagan uso das súas competencias e se animen a construír vivenda pública”. “Polo de agora, a colaboración de todos os concellos está sendo exemplar-destacou- pero non quero deixar de animarlles a que sexan aínda máis proactivos, tamén promovendo a construción de vivenda pública”.
E, no caso do Goberno central, a conselleira reclamou que escoite ás comunidades autónomas, “que somos as que temos as competencias en materia de vivenda, xunto cos concellos”.