M. Allegue reforza vínculos co empresariado galego para o desenvolvemento de vivenda e infraestruturas na comunidade

A conselleira escoitou as demandas do sector e abondou na estratexia da Xunta para garantir o acceso da cidadanía a unha vivenda digna e accesible

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, participou hoxe, xunto ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, na sesión conxunta da Comisión de Infraestruturas e a Comisión Mar-Industria da Confederación de Empresas de Galicia (CEG) que tivo lugar na sede da organización en Santiago.

M. Allegue agradeceu a invitación da CEG e volveu reivindicar a necesidade da alianza do sector público e privado “para cumprir os compromisos do Goberno galego de garantir o acceso á cidadanía a unha vivenda digna e accesible”.

Nesta sesión de traballo, a conselleira escoitou as demandas do sector, no marco dos contactos que a Xunta está a manter con todos os axentes implicados en materia de vivenda e infraestruturas, “que sempre nos axudan a enfocar algunhas das nosas liñas de traballo”. E fixo un repaso polos avances das políticas que o Goberno galego está a desenvolver nestes eidos.

Neste sentido, M. Allegue lembrou que a Xunta avanza “a moi bo ritmo” no reto de duplicar o parque público residencial ata as 8.000 vivendas, con máis de 1.600 xa en distintas fases de tramitación e execución. E destacou as medidas impulsadas nos Orzamentos do 2025 para reducir trámites e “desburocratizar” o proceso da construción de vivendas protexidas mediante Proxectos de Interese Autonómico, así como a modificación substancial da normativa “para que sexa máis sinxela, sen atrancos innecesarios, a promoción e construción de vivenda pública”.

A outra liña de acción da Estratexia Galega de Solo Residencial, coa que a Xunta vai desenvolver solo para facilitar a construción de 25.000 vivendas, 20.000 delas protexidas, avanza coa vindeira licitación dos Proxectos de Interese Autonómica (PIA) a través dos que se tramitará o desenvolvemente de solo para a construción das primeiras 15.000 vivendas. ”Esta estratexia, cos PIA, vai ser fundamental para garantir a construción continuada de vivenda en Galicia”, subliñou.

No eido das infraestruturas, a conselleira avanzou as próximas actuacións incluídas nos orzamentos e garantiu aos empresarios que a Xunta seguirá a demandar a transferencia da AP-9, cuxa proposición de Lei foi aprobada polo Parlamento en catro ocasións e por unanimidade e cuxo debate do traspaso foi admitido en xuño por terceira vez polo Congreso dos Deputados.

Lembrou así mesmo que o Goberno galego vén de acordar o rescate de catro autovías para recuperar a concesión destes viarios con peaxe en sombra, en concreto a autovía do Barbanza, Salnés, Ourense-Celanova e Santiago-Brión. Este rescate, como subliñou M. Allegue, suporá un aforro de 330M€, “que poderemos destinar a políticas públicas  importantes, como infraestruturas e, sobre todo, a ese reto que temos enriba da mesa, que é a vivenda”.