M. Allegue destaca a suba do orzamento e as modificacións normativas para acadar o reto de duplicar o parque público de vivenda de Galicia nesta lexislatura

“Estamos en disposición de dar un salto para unha Galicia do futuro: con máis e mellores infraestruturas e, sobre todo, con vivenda digna e accesible (...) pero é esencial a colaboración entre o sector público e privado para avanzar nesta dirección”, destacou M. Allegue

A conselleira destacou os 221M€ cos que a Xunta triplica o orzamento en vivenda, dos que 100 irán dirixidos á construción de vivenda, 20 a impulsar o solo residencial e 7 a rehabilita vivenda e inmobles a través de programas como o Rexurbe 

A seguridade viaria, coa conservación e mellora da rede das estradas autonómicas, ten consignados 68M€, dos que 9M€ se destinan ás da provincia ourensá

Lembrou que o orzamento do departamento que dirixe para 2025 incrementarase nun 205% na cidade de Ourense e permitirá abordar actuacións estratéxicas como a construción de vivenda pública en Cambedo da Raia, os novos accesos ao CHUO desde a N-525, o último treito da circunvalación leste ou a execución de sendas

Destacou que nos últimos días a Xunta recibiu por rexistro o novo PXOM de Ourense para a súa tramitación, “e estamos empezando coa análise da documentación para axilizala o máximo posible”

Ourense, 30 de outubro de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou hoxe en Ourense que as medidas incluídas nos Orzamentos 2025, no que se triplica o presuposto para construción de vivenda e se abordan modificacións lexislativas, permitirán acadar o obxectivo de duplicar o parque público de vivenda nesta lexislatura, e volveu reclamar a implicación do sector e das administracións “para abordar todos os retos que se nos presentan e facelo de maneira efectiva”. M. Allegue participou no almorzo informativo promovido por Executive Forum, acompañada polo delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, e a directora xeral de Urbanismo, Encarna Rivas.

A conselleira quixo subliñar a aposta da Xunta en Ourense para impulsar vivenda e infraestruturas, materializada nos orzamentos para o vindeiro ano, e destacou que nos últimos días a Consellería recibiu por rexistro o novo PXOM para a súa tramitación, “e estamos empezando coa análise da documentación para axilizala o máximo posible”.

Na cidade, o orzamento da Consellería incrementarase en máis do 205% para poder acometer actuacións “estratéxicas e necesarias” como a construción de vivenda de promoción pública en Cambedo da Raia (8M€). Neste momento está en proceso de contratación as obras dun edificio de 64 vivendas.

Por outra banda, destínase nos orzamentos 1M€ aos novos accesos ao CHUO desde a N-525; outro millón ao último treito da obra da circunvalación este, que se executará en 2025 e 1,1M€ á continuación das sendas, coa da OU-402 en Reza. Construirase ademais o novo edificio que unificará todos os servizos do Materno Infantil do Hospital de Ourense.

No que atinxe ás infraestruturas, quintuplicarase o orzamento para a mellora da seguridade viaria e actuacións en tramos de concentración de accidentes na provincia (2,7M€). E a conservación e reforzo de firme das estradas autonómicas en Ourense sube máis do 40% ata superar os 9M€ en 2025.

Medidas orzamentos

Na súa intervención, a conselleira fixo un repaso polas actuacións “e pasos firmes” que está a adoptar a Xunta en materia de vivenda e infraestruturas, e máis concretamente as incluídas nos orzamentos, encamiñadas, como destacou, a duplicar o parque público residencial ata chegar ás 8.000 vivendas e seguir optimizando a rede viaria de titularidade autonómica, no camiño “da Galicia que queremos construír e que xa estamos construíndo”. Neste senso, recordou que a Consellería suma un orzamento de case 514M€, dos que 221 supoñen a asignación para vivenda.

Deles, 100M€ irán destinados á construción de vivendas de promoción pública; 20M€ a impulsar o desenvolvemento de solo residencial para vivenda pública protexida e libre e 7M€ máis para rehabilitar vivenda e inmobles a través de programas como o Rexurbe.

“Estamos en disposición de crear solucións innovadoras e sostibles; de deseñar as medidas que necesitan as nosas empresas e cidadáns; de dar un salto para unha Galicia do futuro: con máis e mellores infraestruturas e, sobre todo, con vivenda digna e accesible”. Pero é esencial, afirmou, “a colaboración entre o sector público e privado para avanzar nesta dirección”.

Dentro da prioridade que é a vivenda, M. Allegue citou que en apenas seis meses a Xunta ten máis de 1.500 vivendas públicas en diversas fases de tramitación e execución en Vigo, Pontevedra, Xuxán ou Ourense (Cambedo da Raia) e citou a creación da  Sociedade de Vivenda Pública de Galicia como entidade que xurde da escisión de Xestur e que se encargará de promover unha parte das novas vivendas públicas que se construirán durante a lexislatura.

A conselleira quixo destacar tamén a boa resposta que están a ter os concellos no impulso da Estratexia de Solo Residencial promovida pola Xunta, que permitirá facilitar solo para a construción de 25.000 novas vivendas, 20.000 protexidas e 5.000 libres.

Medidas lei acompañamento

Ademais, lembrou as medidas incluídas na lei de acompañamento aos orzamentos, que buscan axilizar a construción de vivenda: a redución á metade dos prazos de tramitación do novo solo residencial para vivendas protexidas a través da figura dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA); a simplificación das condicións para facilitar a conversión de locais comerciais en vivendas; a cobertura legal ata 2028 para recuperar los edificios inacabados durante la crisis económica ou a axilización dos trámites a través das Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM).

Citou ás medidas dirixidas a facilitar o acceso dos mozos á vivenda, sinalando que o 40% da vivenda que se constrúa para alugueiro irá destinada a eles e o 25% a de venda.  Manterase o Aval Mozo para garantir ata o 20% da hipoteca concedida e M. Allegue sinalou que se seguirán reclamando ao Ministerio máis fondos para o Bono Alugueiro Mocidade, xa que os 11,4 que prevé transferir o Goberno supoñen “unha cantidade pírrica, que apenas cubre o 1% dos mozos (de 24 a 36 anos).

Lembrou así mesmo as axudas para menores de 36 anos para adquirir vivenda en municipios de menos de 10.000 habitantes,  nos cascos históricos ou vivenda protexida e a iniciativa para construír aloxamentos temporais en alugueiro, cun primeiro proxecto en Santiago cuxo proxecto se licitará o vindeiro ano e que se prevé estender a outras localidades galegas.

En canto ás medidas fiscais contempladas na lei de acompañamento, sinalou dúas rebaixas: a efectos de bonificación tributaria equipárase ao concepto vivenda, aquel local comercial adquirido para uso residencial; e bonificarase o 75% en actos xurídicos documentados para edificios destinados a alugueiro nas escrituras públicas outorgadas. “Con estas iniciativas, o Goberno galego non só busca impulsar o mercado da vivenda, senón tamén contribuír ao benestar social e económico de todos os cidadáns”.

Infraestruturas

En canto ás infraestruturas, a conselleira sinalou a aposta da Xunta nos orzamentos, con 9M€ para a autovía Tui-A Guarda; máis de 23M€ para a prolongación da autovía Santiago-A Estrada; 8M€ para a autovía da Costa da Morte ou 2M€  para a conversión en autovía  do corredor Nadela-Sarria.

Ademais, lembrou o rescate das catro autovías do Salnés, Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión, eliminando as peaxes en sombra e que permitirán aforrar máis de 330M€ en canons, coa liberalización de 30M€ ao ano para as arcas públicas galegas.

Engadiu que se seguirá a reclamar ao Goberno central a transferencia da AP-9 e lembrou o estudo encargado pola Xunta para cuantificar este paso, que cifra en 526M€ o seu coste e entre 1.612 e 2.355 o dun rescate acompañado da gratuidade.

O investimento en seguridade viaria incluirá nos orzamentos 68M€ para conservación e mellora da rede autonómica e o apartado de mobilidade sostible e segura conta tamén cunha consignación de máis de 7M€ para ampliar a rede de sendas peonís e ciclistas.

E, no eido do urbanismo, resérvanse 10M€ a financiar os acordos de cooperación cos concellos no marco do Plan Hurbe.