Galicia incrementou en máis de 8.000 o número de vivendas familiares principais
A Coruña é a provincia que en 2024 contaba co maior número de vivendas de Galicia e na que máis se incrementaron respecto ao ano 2023
Os sete concellos con maior poboación da nosa comunidade acumulan o 37,66 % das casas familiares
Máis da metade son pisos, sendo a provincia de Ourense a única na que predomina a presenza de vivendas unifamiliares
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2025
No ano 2024 o número de vivendas familiares principais na nosa comunidade medrou en 8.271 ata acadar as 1.116.478, o que supón un incremento do 0,75 %.
Segundo informa hoxe o Instituto Galego de Estatística, a actividade estatística `Vivendas familiares en Galicia´ fai referencia á situación a 1 de xaneiro de 2024 e é o resultado do cruzamento do Padrón Municipal de Habitantes, Censo de Poboación e Vivendas e ficheiros do Catastro, identificando así as características das vivendas familiares principais dos galegos e galegas. Todos os datos completos e actualizados poden consultarse na páxina web do IGE.
Por provincias, o 41,82 % destas vivendas estaban situadas na Coruña, o 33,56 % en Pontevedra, o 12,48 % en Lugo e o 12,14 % en Ourense, sendo na provincia da Coruña onde se experimentou o maior aumento respecto do ano 2023, cun 0,91% máis.
Por concellos, cómpre salientar que o 37,66 % das vivendas familiares de Galicia están situadas nos sete concellos con máis poboación. Máis polo miúdo, Vigo conta con 120.223 vivendas, o 10,77 %, e A Coruña o 9,68 %, con 108.111.
Atendendo á tipoloxía das vivendas en Galicia en 2024, máis da metade, o 53,94 %, son pisos. Por provincias, Ourense é a única na que a presenza de vivendas unifamiliares é maior que a dos pisos, mentres que na da Coruña a diferenza entre unha tipoloxía e outra é de case vinte puntos (59,42 % de pisos e 39,59 % de unifamiliares).
Antigüidade por décadas e provincia
No que respecta á antigüidade das vivendas principais por décadas, o 18,61 % construíronse entre os anos 2001 e 2010 e o 16,25 % entre 1991 e o 2000. Do total, as máis antigas, construídas antes de 1951, supoñen o 15,74 %.
Nas provincias de Lugo e Ourense apréciase unha maior concentración de vivendas construídas antes de 1951, mentres que na Coruña e Pontevedra a porcentaxe posterior ao 2001 é superior á media.