A directora xeral de Urbanismo puxo en valor o “Proxecto Terra” no III Foro Urbano da Coruña

A Coruña, 23 de outubro de 2025

A directora xeral de Urbanismo da Xunta, Encarnación Rivas, participou hoxe no III Foro Urbano da Coruña cunha ponencia na que puxo en valor o “Proxecto Terra”, impulsado pola Administración autonómica e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e que ten como obxectivo contribuír á mellora da formación que a poboación escolar galega en torno aos lugares que habitan. A través de distintas iniciativas, o proxecto persigue que os escolares aprendan a valorar a súa contorna, comprendendo que o territorio é un recurso limitado a coidar e preservar.

Rivas presentou este proxecto na sesión sobre a Agenda Urbana Escolar desenvolvida hoxe no Foro, na que se presentaron tamén iniciativas desenvolvidas en Euskadi e Cataluña.

Como destacou a directora xeral de Urbanismo, Galicia foi pioneira “na oportunidade que supón formar en territorio”, sinalando que este ano se cumpriron 25 anos da posta en marcha do Proxecto Terra, recoñecido no 2010 co Premio Nacional de Urbanismo. A iniciativa chegou a todos os colexios de Galicia, nos tres niveles de Infantil, Primaria e Secundaria.

“A educación -sinalou- é a verdadeira panca de cambio do mundo. Por iso a Xunta apoia a iniciativa do COAG desde as consellerías competentes en materia de territorio e educación. E ensinamos desde o exemplo, con arquitectura pública de calidade, convocándose concursos en colaboración co Colexio”.

Ao longo destes 25 anos adaptáronse os materiais docentes para manter a súa actualidade, desde a premiada banda deseñada de Miguel Anxo Murado coa Mansión dos Pampín, ata a actual campaña "Eu son inspector urbanístico. Coida do Territorio. Coida do Teu.