A directora xeral de Urbanismo participa na entrega dos II Premios de Aquitectura Cubiertas Verea

Sobrado (A Coruña), 3 de decembro de 2025

A directora xeral de Urbanismo da Xunta, Encarnación Rivas, participou no acto da entrega dos Premios de Arquitectura Cubiertas Verea que se celebrou hoxe no concello coruñés de Sobrado. Trátase da segunda edición destes galardóns, que recoñecen obras ou solucións de arquitectura destacadas en cubertas realizadas con tellas cerámicas Verea.

Rivas subliñou na súa intervención a importancia duns premios que “nacen da tradición e da innovación, do recoñecemento da importancia do coidado dos bens que herdamos” e que recoñecen o uso da tella “como elemento arquitectónico esencial e, ao mesmo tempo, aberto a novas interpretacións”. A directora felicitou aos premiados, con “obras moi distintas entre si, pero unidas por algo fundamental: o respecto polo contexto, pola materia e pola boa práctica profesional”. “Todos son magníficos exemplos -destacou- do que se acada cando o oficio, o compromiso e a cultura construtiva van da man”.