A conselleira Martínez Allegue salienta a figura dos arquitectos técnicos, imprescindible nas actuacións de edificación

Trátase da primeira reunión da conselleira con este colectivo, ao que trasladou o reto da Xunta de duplicar o parque público de vivenda

María M. Allegue destacou que o traballo dos arquitectos técnicos é fundamental, tanto na construción de nova vivenda como na rehabilitación de edificacións, dúas liñas de acción prioritarias na Consellería de Vivenda

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, salienta a figura dos arquitectos técnicos, imprescindible nas actuacións de edificación.

María M. Allegue mantivo esta tarde un encontro de traballo cos representantes do Consello Galego da Arquitectura Técnica.

Trátase do primeiro encontro da conselleira Martínez Allegue con este colectivo, ao que trasladou o reto da Xunta de duplicar o parque público de vivenda.

Neste sentido, a titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas avanzoulles o traballo que se está a desenvolver de xeito moi activo nas 7 principais cidades galegas. Así, expuxo os proxectos que o Goberno galego está a impulsar no ámbito das infraestruturas, pero especialmente no relativo á vivenda.

María M. Allegue tamén destacou que o traballo dos arquitectos técnicos é fundamental, tanto na construción de nova vivenda como na rehabilitación de edificacións, dúas liñas de acción estratéxicas na Consellería de Vivenda.